Publicador de contidos
Publicador de contidos

Apertas e acordeóns no acendido de Nadal dunha pequena aldea de Ourense

Apertas e acordeóns no acendido de Nadal dunha pequena aldea de Ourense

Os propios veciños fixeron os adornos e instalaron a iluminación

Á cita acudiron moitos dos que normalmente residen fóra

G24.gal 08/12/2024 09:29 Última actualización 08/12/2024 10:43

O cartel de entrada a Penavaqueira xa nos avisa de que o Nadal chegou á aldea. Só temos que seguir o son dos acordeóns para localizar o campo da festa, ese no que antigamente se reunían os douscentos veciños que chegou a haber aquí, e máis os que viñan das aldeas dos arredores.

Esther López, presidenta da asociación de veciños de Penavaqueira: "A esencia da celebración deste día é xuntar a xente nesta praza, a eira das Longas, onde antigamente se facían todas as festas".

É un día de apertas, de reencontros, ao máis puro espírito de Nadal.

"Coma unha pequena familia. Non é xente descoñecida. Coñecémonos desde pequenos", asegura outra veciña.

Uns veñen á misa, na honra de santa Lucía, outros a merendar, a aplaudir... e todos, sen excepción, a compartiren recordos.

"Isto tráenos moitos recordos. Estábao pensando agora mesmo ao mirar para a miña compañeira".

"Recordos dos tempos de antes, dos tempos antigos".

"Tiñan aquí os bailes todos os sábados e domingos polas noites. Viñan todos os veciños dos arredores", comentan.

Aí os deixamos, celebrando un ano máis de vida na aldea, mentres a noite cae sobre Penavaqueira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade