Aprobada a reforma da lei de tráfico: estas son as principais novidades
Aprobada a reforma da lei de tráfico: estas son as principais novidades
Prohibe superar en 20 km/h o límite de velocidade nos adiantamentos
Por vez primeira, lexisla sobre os novos medios de mobilidade persoal como os patinetes
O Congreso aprobou este xoves a reforma da lei de tráfico, que inclúe a prohibición de superar en 20 km/h o límite de velocidade nos adiantamentos en estradas convencionais.
Coa reforma lexíslase por primeira vez sobre os novos medios de mobilidade persoal como os patinetes e avánzase na protección dos ciclistas.
A fin de revisar as infraccións que supoñen perda de puntos, a nova lei incide nos comportamentos máis perigosos actualmente ao volante como falar polo móbil ou o uso indebido do casco, o cinto de seguridade ou as cadeiras de protección infantil.
Tamén guindar obxectos á vía que poidan causar accidentes ou incendios como cabichas ou poñer en perigo os ciclistas ao adiantalos.
A nova lei entrará en vigor tres meses despois da súa publicación no BOE, salvo algunha medida puntual.
Estas son as claves que recolle a nova lei:
-
Aumentan de 3 a 6 os puntos para detraer por conducir suxeitando coa man o móbil. Mantense a multa de 200 euros e de 3 puntos de sanción se o infractor usa o móbil, pero non o ten na man.
-
Lanzar á vía ou nas súas inmediacións obxectos que poidan producir incendios ou accidentes carrexa a perda de 6 puntos (antes 4).
-
Elévase de catro a seis os puntos que se perden por adiantar, poñendo en perigo ou entorpecendo os ciclistas ou sen deixar a separación mínima de 1,5 metros.
-
Soben de tres a catro os puntos para descontar por utilizar ou non facelo de forma adecuada o cinto de seguridade, sistemas de retención infantil, casco e outros elementos de protección.
-
Castígase con tres puntos posuír no vehículo mecanismos de detección de radares ou cinemómetros, e non só a súa utilización, como era antes.
-
Perda de tres puntos por manter axustado entre o casco e a cabeza do usuario dispositivos de telefonía móbil mentres se conduce.
-
Unifícase nun prazo de dous anos o tempo que haberá de transcorrer sen cometer infraccións para recuperar o saldo inicial de 12 puntos, sempre que non se perdese todo o saldo.
-
Suprímese a posibilidade de que turismos e motocicletas poidan pasar en 20 km/ h os límites xenéricos de velocidade nas estradas convencionais cando adianten a outros vehículos.
-
Uso obrigatorio do casco para usuarios de vehículos de mobilidade persoal, como patinetes.
-
Os vehículos de mobilidade persoal e as bicicletas e ciclos non poderán circular polas beirarrúas e demais zonas peonís.
-
Desde o 6 de xullo de 2022 é obrigatoria a incorporación de alcoholímetros antiarranque en vehículos de transporte de viaxeiros (por exemplo, autobuses escolares). Non cumprilo é unha infracción moi grave (500 euros).
-
Tamén se considera infracción moi grave "incumprir as normas en materia de auxilio en vías públicas", o que carrexa unha multa de 500 euros.
-
Engádese como infracción leve (ata 100 euros) por "incumprir a obriga dos condutores de estar en todo momento en condicións de controlar o seu vehículo".
-
Poderanse recuperar 2 puntos do carné pola realización de cursos de condución segura certificados pola DXT. Con todo, a recuperación deses puntos non será efectiva ata que entre en vigor a regulación das condicións que deben cumprir tales cursos.
-
Utilizar dispositivos de intercomunicación non autorizados nos exames de conducir considerarase unha infracción moi grave, sancionada con 500 euros e 6 meses sen poder presentarse de novo.
-
As empresas de transporte de persoas e de mercadorías poderán acceder en liña ao rexistro de condutores para coñecer se o permiso de conducir dos seus traballadores está vixente ou non. Só informarase en vermello (non en vigor) ou verde (en vigor).
-
Poderanse establecer cursos de concienciación e sensibilización para a obtención do permiso ou licenza de conducir, que poderán impartirse tamén en liña sempre que se asegure a interacción a través dunha aula virtual.
-
Taxa cero de alcol para os menores de idade condutores de calquera vehículo