Aragonès avisa o Goberno, tras o escándalo da espionaxe: "A confianza é cero"
Aragonès avisa o Goberno, tras o escándalo da espionaxe: "A confianza é cero"
O presidente da Generalitat pide que se investiguen as supostas escoitas a políticos independentistas
O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, pediu este xoves no Congreso que se investigue a presunta espionaxe a políticos independentistas. Aragonés reuniuse con deputados doutros partidos afectados, e con representantes de Unidas Podemos.
O presidente catalán viaxou a Madrid para reunirse cos outros partidos afectados pola suposta espionaxe. Junts, PDeCAT e a CUP cren que non abonda coa comisión de investigación que piden Esquerra e Bildu, e esixen explicacións. "Non é que sexan insuficientes, algunhas poden ofender a intelixencia", di Ferrán Bel, voceiro do PDeCAT.
Pere Aragonès tamén mantivo un encontro cos representantes de Unidas Podemos, que coinciden en esixir responsabilidades por este caso.
O presidente da Generalitat pide unha investigación para saber quen deu a orde de espiar, e volve advertir da crise de confianza. "Alguén debe asumir responsabilidades polo maior escándalo de espionaxe da democracia. Nunha lexislatura hai unha confianza que se debe preservar. Neste momento a confianza é cero", asegurou.
O Executivo responde á ameaza de Aragonés de retirar o seu apoio parlamentario. "Son tantos os retos por diante que non convén frivolizar con isto, a estabilidade do país e do Goberno", asegurou Isabel Rodríguez, voceira do Executivo central.
O Parlamento catalán esíxelle ao Goberno investigar a espionaxe, nunha declaración da que se desmarcou o PSC por entender que ten nesgo independentista.