Arde de madrugada o alboio dunha vivenda de Vilagarcía
O tellado colapsou despois de que arderan os apeiros almacenados
A policía científica investiga as causas do lume
A Policía investiga a orixe do lume que esta madrugada calcinou o alboio desta vivenda de Trabanca Badiña, en Vilagarcía. Cando se orixinou non había ninguén na casa e foi unha veciña a que deu a voz de alarma.
"Pasaba a unha da madrugada, estaba esperta coa ventá aberta e empecei a escoitar estouridos. Saín e xa vin as lapas no alpendre da vivenda dunha veciña e chamei ao 112".
Cando chegaron os equipos de emerxencias, o lume estaba moi avanzado e a alta temperatura provocara o colapso do tellado.
"Neste tipo de incendios cóllese moita temperatura polo tipo de trebellos que están almacenados. Neste caso eran apeiros de labranza, rozadoiras, cousas así que fixeron que colapsara a estrutura pola calor e se desconfinaran as lapas", explica Alén Pérez, axente de Emerxencias de Vilagarcía.
Os dous cans que estaban no alpendre lograron saír ilesos do incendio, que devorou todo o que alí almacenaban. Afortunadamente, non chegou a estenderse pola vivenda coa que comparte parede.
"Aínda que se vía que era no alboio, eu tiña medo que lle prendese na casa, aínda que non houbese ninguén, ten mobles dentro e se pode estender", di a veciña que avisou.
A iso das catro da mañá, o lume estaba apagado. Agora toca que a investigación determine que puido pasar, pero a principal hipótese apunta a un fallo na instalación eléctrica.