Arde unha furgoneta no Mesón do Vento en plena autoestrada
Arde unha furgoneta no Mesón do Vento en plena autoestrada
Dous traballadores ían cara á Coruña cando o vehículo comezou a botar fume
Susto na autoestrada do Atlántico. Unha furgoneta botaba a arder e os dous ocupantes do vehículo pouco máis fixeron que botarse fora e chamar a emerxencias. Ata que se sufocaron as lapas e puideron sacar o coche de beiravía pasou unha hora.
Dous traballadores ían cara a Coruña para comezar a súa xornada laboral. No medio da autoestrada a furgoneta na que viaxaban comezou a botar fume. Arrimaron inmediatamente a dereita, pararon e saíron do vehículo.
Tentaron abrir o capó do coche, para ver o que acontecía, pero xa comezou a arder e tiveron que afastarse. Na parte traseira levaban algunhas ferramentas e tiveron uns segundos para quitar parte delas. Os dous homes saíron ilesos.
Enseguida chamaron a emerxencias, que coordinou aos servizos de mantemento da empresa concesionaria da autoestrada do Atlántico que sinalizou o lugar, unha patrulla de tráfico e dúas dotacións de bombeiros da Coruña.
Nun primeiro momento empregaron escuma para sufocar as lapas e despois auga para arrefriar a furgoneta, que era de alugueiro, para que o operario do guindastre puidera retirar os restos calcinados.
As tarefas de extinción levaron algo máis de media hora. A circulación non estivo cortada en ningún momento. Estivo ocupado durante unha hora un dos carrís da autoestrada polos camións dos bombeiros e os vehículos de asistencia. Unha vez retirada a furgoneta os servizos de mantemento procederon a limpar a zona.