Publicador de contidos
Publicador de contidos

ARELAS denuncia que PSOE e Podemos usan os menores trans como moeda de cambio

ARELAS denuncia que PSOE e Podemos usan os menores trans como moeda de cambio

A presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia, Cristina Palacios, asegura que o PSOE atrasa á mantenta a tramitación da lei trans no Congreso por un conflito de poder con Unidas Podemos 

Nunha entrevista na Radio Galega, a presidenta de ARELAS sinala que a falta de apoio familiar é o principal atranco co que se enfrontan os menores trans

G24.gal 01/11/2022 11:00 Última actualización 01/11/2022 16:05

A Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia, ARELAS rexeita as emendas á lei trans presentadas polo grupo socialista do Congreso. Entre outras propostas, o PSOE pretende ampliar ata os 16 anos, e non ata os 14 como consta na lei, a obriga de que os menores dispoñan dun aval xudicial para poder cambiar o nome e o sexo no rexistro civil. 

A presidenta de ARELAS, Cristina Palacios, denuncia que cos atrancos na tramitación dunha lei presentada polo Ministerio de Igualdade, o PSOE parece que en vez de garantir os dereitos humanos dos menores trans, o que quere é poñerlles máis dificultades a unhas vidas xa de seu expostas á violencia e á discriminación.

"É terrible que se utilicen vidas de persoas vulnerables como arma de negociación. Seguramente se este proxecto de lei o liderase o PSOE non habería tantas dificultades, pero o problema é que o está liderando Podemos. Se o Ministerio de Igualdade fose do PSOE non habería ese problema. O problema é o que leva Podemos".

A presidenta de ARELAS cre que as dificultades que está poñendo o grupo socialista para aprobar a lei trans responden a unha loita de poder entre os socios do goberno. 

"O problema que temos aquí é que un partido que se nos presentou toda a vida como o que trouxo a este país, e efectivamente foi así, as leis que recoñecían os dereitos ás mulleres, feminismo, igualdade, dereitos LGTBI... e de repente, ese poder quitoullo outro partido e non o queren tolerar".

Cristina Palacios sorpréndese de que o debate que se está producindo no Congreso estea por detrás do que acontece nalgunhas comunidades autónomas, entre elas, en Galicia.

"Hai que dicirlle a Carmen Calvo que en Galicia desde o ano 2016 estamos cambiando nome e sexo a menores por debaixo de 12 anos e non está pasando absolutamente nada. Estas autorizacións estanas concedendo xuíces e xuízas do rexistro civil co visto e prace da fiscalía de menores e non pasa nada".

Desde ARELAS aseguran que o atraso na aprobación da lei trans está alimentando un debate "perverso" na sociedade e nos medios de comunicación que prexudica aínda máis ás persoas trans. 

"De verdade alguén quere crer que unha persoa vai querer ser trans por moda ou por calquera outra razón banal cando iso implica vivir con violencia e discriminación toda a túa vida? O problema é ese cuestionamento constante, como se estiveses inventándoo todo".

Cristina Palacios sinala que os principais atrancos que atopan as persoas trans na súa vida diaria prodúcense no ámbito social, educativo e, mesmo, institucional, pero asegura que o peor é a falta de soporte familiar. Segundo ARELAS, hai moitas familias que lles custa aceptar que teñen un fillo ou unha filla trans.  

"A falta de apoio familiar é o principal atranco que atopan as persoas trans. Por ARELAS teñen pasado unhas 1.100 crianzas e adolescentes pedindo axuda, acompañamento e información, pero familias asociadas temos 90".

A Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia, ARELAS, convocou unha manifestación para este sábado, 5 de novembro, en Santiago de Compostela baixo o lema: "Polos dereitos humanos de todas as persoas trans".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade