Arqueólogos buscan en Poio e Vilaxoán restos óseos que documenten a posible orixe galega de Colón
Arqueólogos buscan en Poio e Vilaxoán restos óseos que documenten a posible orixe galega de Colón
Queren dar hai con restos óseos dalgún familiar do descubridor que puidesen estar aquí e que conserven o sinal ADN cotexable co dos restos de Colón soterrado na catedral de Sevilla
Poio e Vilaxoán son hoxe puntos de actividade arqueolóxica na procura da conexión xenética de Cristovo Colón con persoas galegas. As pescudas céntranse nun sartego, nun caso, e en catro metros cadrados do adro vello de Poio. O plan é recoller restos óseos que permitan cotexar ADN e avanzar na documentación da orixe galega do ilustre navegante.
Dar coa pegada xenética que documente que Cristovo Colón era galego. Ese é o obxectivo que ocupa un grupo de profesionais da arqueoloxía na sondaxe que desde este martes se efectúa no adro vello de Poio. Para iso hai que dar con restos óseos dalgún familiar do descubridor que puideran estar aquí e que conserven o sinal ADN cotexable co dos restos de Colón soterrado na catedral de Sevilla.
Eduardo Esteban Meruéndano, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego:
"Sabemos que na zona houbo unha familia, un clan Colón que viviu, que tivo negocios, foros co mosteiro de Poio nesta zona de San Salvador de Poio. Mesmo hai a casa natal de Colón".
A sondaxe está nunha fase incipiente, pero xa recolleron varios restos óseos humanos e outro material que poida axudar na investigación. É unha área de catro metros cadrados e a diversidade dos elementos achados entre a terra, lixo incluído, evidencia que foi un espazo de recheo. Os restos óseos achados acompáñanos de imaxes e datos sobre a súa localización para a posterior análise científica.
Mateo Fontán Couto, arqueólogo director da sondaxe:
"Recollelos cunha determinada metodoloxía que nos indicou a antropóloga encargada do proxecto e eles, na Universidade de Granada, serán os encargados de analizar os materiais óseos e determinar se son válidos para o obxectivo do proxecto ou non".
Coa mesma finalidade, localizar mostra de ADN que evidencie o vínculo familiar de Colón en Galicia, están a traballar en Vilaxoán, concretamente no sartego de Xohán Mariño.
Eduardo Esteban Meruéndano, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego:
"Colón podería ser un Sotomayor, ao mellor un fillo bastardo da casa de Sotomayor, unha casa de moitísima importancia en Galicia, na provincia de Pontevedra, e que avanzaba cara a Santiago de Compostela a través da ría de Arousa e da fundación de Vilaxoán".
Esta investigación científica sobre o cotexo de ADN de Colón promóvena a Universidade de Granada., unha produtora que fai un documental sobre o asunto e a Asociación Cristóbal Colón Galego.