Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arquívase o caso da muller que se precipitou dende a muralla de Lugo

Arquívase o caso da muller que se precipitou dende a muralla de Lugo

A desaparición da denunciante fai que non se poida comprobar se a someteron a submisión química

Non se puido probar que o home que a viu por última vez estivese con ela cando caeu dende a muralla

G24.gal 07/12/2022 17:24 Última actualización 07/12/2022 18:03

 O Xulgado de Instrución nº2 de Lugo acaba de pechar a investigación aberta tras aparecer unha muller con feridas no patio interior da praza do Ferrol de Lugo, ao pé da muralla.

A lesionada, que na actualidade se encontra en paradoiro descoñecido, nunca foi quen de lembrar o que ocorreu nesa madrugada.

Na súa declaración xudicial explicou que "dende que tomou unha consumición co investigado, non lembraba nin en que locais estivo nin o que ocorreu esa noite ata que apareceu gravemente lesionada ao pé da muralla".

Segundo a resolución xudicial, "foi esa a primeira vez que se suxeriu a posibilidade dunha submisión química, o que levou a solicitar do IMELGA informe relativo á eventual presenza daquelas substancias non pelo da vítima.

Pero a proba non se chegou a practicar debido á desaparición da denunciante.

Nas cámaras de seguridade da cidade non se atopou ningunha imaxe que axudara a esclarecer o ocorrido.

Tamén se pediu o posicionamento dos teléfonos das partes, a fin de acreditar que cando menos se atopaban xuntos a lesionada e o investigado cando ela sufriu a caída. Pero tampouco puido probarse esa circunstancia.

Con tales datos, sostén a maxistrada, "non é posible formular un xuízo indiciario de responsabilidade criminal" fronte ao investigado como presunto responsable das lesións sufridas pola vítima e "moito menos dun delito de odio".

Conclúe que ao non lembrar a presunta vítima o que ocorreu e tendo en conta que as dilixencias practicadas "non permiten constatar sequera que estivesen xuntos cando se produciu a caída", non é posible soster a concorrencia dun delito de odio pola condición de trans da vítima, como considera a acusación particular.

"Non concorre das dilixencias practicadas elemento ningún que permita acreditar sequera indiciariamente que o investigado empurrou intencionada ou imprudentemente a lesionada dende ou adarve da muralla", di.

O xulgado levantou as medidas cautelares acordadas con respecto ao investigado, "sen prexuízo de que, de volver estar localizable a presunta vítima ou de recuperar a memoria sobre o acontecido, cabería eventualmente a reapertura das actuacións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade