Arrasan cunha plantación de 700 árbores no Carballiño
Arrasan cunha plantación de 700 árbores no Carballiño
Só deixaron os titores nunha hectárea poboada con 400 carballos, que roubaron e estragaron os 300 piñeiros
O que ía ser unha hectárea poboada con 700 árbores plantadas hai algo máis de tres meses quedou frustrada pola acción destrutiva e usurpadora de alguén. Quedaron os titores. E aquí, unha mostra da planta que contiñan nesta parcela situada preto da vila do Carballiño.
A plantación foi obra da fábrica de compoñentes de aeroxeradores Gri Torres Galicia dentro do seu plan de cooperación ambiental. Diso agora só quedan os sucos e os cilindros de protección dos carballos.
"Descubrímola por un veciño que pasea por aquí e que nos dixo que parte das árbores desapareceran. Ou sexa, que ao cabo dun mes de plantalos houbo un roubo. Ben ve que os titores quedaron, roubaron as 400 frondosas e esnaquizaron os 300 piñeiros que había", explica Rosa Fuentes, que coordinou esta acción no rural do Carballiño.
Na zona non dubidan de que hai unha parte de dano, a relativa aos piñeiros e, por outra, o roubo dos carballos.
O acondicionamento do terreo requiriu rozar toxos e outros arbustos, facer os sucos, mercar as árbores e plantalas. Preguntamos polo custo que tivo:
"Foi a tres mil euros. Os 300 piñeiros esnaquizáronos, pero os 400 carballos leváronos e tiveron o coidado de poñer os titores para que non nos deramos conta. Daquela, ten que ser alguén da zona ou que alguén o avisara".
Rosa Fuentes descarta que sexa alguén da parroquia da Sagra e di que non se explican esta falcatrúa. Explica que para realizar a plantación contaron co permiso de todas as partes, cazadores incluídos, para non xerar ningún conflito.