Arranca a campaña do IRPF cun novo tipo para rendas máis altas
Arranca a campaña do IRPF cun novo tipo para rendas máis altas
Tributan máis as rendas máis altas
Menos desgravacións polos plans de pensións
Desde hoxe xa se pode presentar a declaración da renda por Internet. Para facelo por teléfono hai que agardar ata o 5 de maio, e ata o 1 de xuño se queremos facelo nas oficinas da Axencia Tributaria.
Nos tres casos, temos de prazo ata o 30 de xuño, aínda que se nos toca a pagar hai que ingresalo antes do 27 de xuño.
Están obrigados a declarar todos os contribuíntes que ingresasen en 2021 máis de 22.000 euros dun só pagador ou 14.000 de máis de un.
Este ano as rendas máis altas terán que pagar máis: sobe un punto o Imposto de Patrimonio para quen teña máis de 10 millóns de euros, dous puntos o IRPF dos que ingresan ao ano máis de 300.000 euros e sobe tres puntos o gravame para quen teña máis de 200.000 euros aforrados.
Hai novidades tamén dos plans de pensións: nos individuais, só poderemos desgravar por un máximo de 2.000 euros, fronte aos 8.000 do ano pasado. A cambio, aumentan as deducións dos plans de empresa.
Ademais, créase un apartado específico para declarar as ganancias por criptomoedas. Non haberá que tributar polas axudas pola tormenta Filomena ou o volcán da Palma ou por subvencións á rehabilitación enerxética dos edificios, pero si polos ingresos recibidos estando en ERTE ou polo Ingreso Mínimo Vital.
Simulador da Renda
A Axencia Tributaria habilitou a Renta WEB Open 2021, unha aplicación que simula a declaración do IRPF pero que non require identificación nin a disposición dos datos fiscais. Esta aplicación non permite presentar a declaración debido a que é unha simulación que non valida os datos.
Tampouco é posible trasladar os datos desde Renta WEB Open a Renta WEB, que estará dispoñible desde este mércores.
Na campaña pasada devolvéronse 9.900 millóns de euros
Segundo os últimos datos publicados pola Axencia Tributaria, na anterior Campaña da Renda devolvéronse 9.907 millóns de euros a case 14 millóns de contribuíntes. A Axencia recibiu un maior número de declaracións no 2020, das que o 65 % do total foron con solicitude de devolución.