Arranca a novena temporada dos trens turísticos de Galicia
Arranca a novena temporada dos trens turísticos de Galicia
Este ano hai dúas rutas novas: a do queixo e a das Mariñas
Presentouse en Ourense a nova temporada dos trens turísticos de Galicia, que vén con novidades este ano. A oferta amplíase neste 2022 con dúas novas rutas e incrementan ademais o número de prazas e o de saídas. O único que hai que facer é reservar ese billete e, chegado o día, un guía especializado acompaña os viaxeiros durante toda a xornada para facer o percorrido.
Os trens están xa en funcionamento dende a pasada fin de semana e así seguirán ata finais do mes de outubro todos os sábados. Os trens turísticos ofrecen este ano a posibilidade de visitar as denominacións de orixe dos queixos de Galicia. Outro levaranos dende A Coruña ata Ferrol polas Mariñas e Terras do Mandeo. Son as dúas novidades que incorporan este ano e que se suman ás outras once rutas que percorren Galicia.
"Este ano medramos, pasamos das 22 saídas que tivemos no ano 2021 a 37, por tanto cun incremento de contorno do sesenta por cento, e igualmente medramos no número de prazas ofertadas nesas rutas, pasando das 1.500 que se ofertaron o ano pasado a practicamente 2.700", di Francisco Arteaga, director da área de negocio de alta velocidade de Renfe.
Renfe, A Xunta e o Inorde colaboran conxuntamente neste proxecto que comezou no 2013 e que cada ano acada un maior número de viaxeiros.
"Recoñecido por todas aquelas persoas que experimentan este produto. Un 98 por cento din que repetirían e que é todo un produto cheo de éxito e de calidade", afirma Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.
Existen trens de achegamento dispoñibles de xeito gratuíto para cada unha das rutas. E os percorridos compleméntanse con autobuses que achegan os viaxeiros aos puntos de interese de cada unha delas. Recomendan reservar con tempo os billetes e desfrutar dunha experiencia turística que sae dos circuítos tradicionais e proporciona, din, unha experiencia de viaxe exclusiva.