Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arrinca a colleita da oliva, con expectativas desiguais

Arrinca a colleita da oliva, con expectativas desiguais

As treboadas da primavera estragaron a produción nas oliveiras que xa estaban en flor

Contan con manter as cifras do ano pasado ao compensarse coa incorporación de novas oliveiras

G24.gal 23/10/2023 14:16

Preto de dous meses dura a campaña de recollida da oliva en Galicia, así que ata primeiros de decembro non haberá datos fiables definitivos, pero algúns produtores xa nos adiantan que mesmo quedarán oliveiras sen varear: "A produción deste ano é mala, moi mala, porque veu a auga na floración e o vento tirou as flores, quedamos case sen olivas". "Os que collían 20 caixas, collerán 4, e algúns din que non as baterán", sinalan dous produtores de Quiroga.

Se no resto de España foi a seca prolongada a que fixo minguar a produción, aquí en Galicia fixo máis dano o exceso de auga durante a floración. Pero os efectos son desiguais, incluso dentro da mesma área de produción.

Julio Quiroga Zarauza, vogal da asociación galega de produtores de aceite: "Vai depender de cada zona. Hai zonas onde se adianta a floración con respecto a outras. Os que colleron as chuvias en plena floración, báixalle a produción".

Ao haber menos cantidade nas oliveiras, xunto coas elevadas temperaturas deste outono, nalgunhas zonas acelerouse o proceso de maduración, polo que houbo que adiantar a colleita.

Julio Quiroga Zarauza, vogal da asociación galega de produtores de aceite: "Este é o momento óptimo de recoller a oliva, o envero, cando cambia de verde a morada, cando está en equilibrio. Se a collemos máis madura, teremos máis graxa. E se a collemos máis verde, baixa o punto de graxa".

A colleita do ano pasado en Galicia foi de 85 mil quilos. Este ano, a asociación de produtores calcula que será semellante ou incluso menor, malia a que se compense en parte coa incorporación das novas oliveiras que entran en produción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade