Rueda anuncia unha nova OPE en Educación en 2025 con máis de mil prazas
Rueda anuncia unha nova OPE en Educación en 2025 con máis de mil prazas
Pontón acusa a Rueda de "facerlle bullying ao galego" e di que acudirá á reunión de mañá co conselleiro de Lingua "coa mellor das disposicións"
Besteiro acusa o presidente de deseñar uns orzamentos "grises e pouco ambiciosos" e con agasallos fiscais "aos que máis teñen"
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou este mércores na sesión de control do Parlamento que a Xunta esgotará a taxa de reposición cunha nova oferta pública de emprego en educación o próximo ano 2025.
Segundo informaron fontes do Goberno galego, correspóndese coa OPE do ano 2024 e con ela o Executivo autonómico aspira a pasar dos 18.588 profesores incorporados desde 2009 aos 20.000, o que suporá unhas 1.400 máis. Deste xeito, a Xunta prevé esgotar a taxa de reposición do 120 %, coa incorporación de 12 profesores por cada dez que se xubilan.
"Imos esgotar a taxa de reposición na oferta de emprego público en educación", destacou o presidente, que dixo que, desde o ano 2009 e co que se vai facer agora, "haberá unha incorporación de máis de 20.000 docentes novos".
Besteiro: "Son uns orzamentos grises e pouco ambiciosos, con agasallos fiscais aos que máis teñen"
Rueda facía o anuncio na súa quenda de réplica ao portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que acusou á Xunta de deseñar uns orzamentos "grises e pouco ambiciosos" e asegurou que o PSdeG vai traballar e facer propostas para "mellorar" estas contas públicas que ve na liña do "encefalograma plano" en gasto na normalización lingüística e a cultura.
Ademais, acusou a Rueda de traballar "para o sector privado", ao "beneficiar" as concesionarias das autoestradas autonómicas que vai rescatar por 300 millóns de euros; as empresas enerxéticas, pola sociedade público-privada para os proxectos renovables; os bancos, polo pago de 1.700 millóns de euros da débeda pública; ou ás construtoras, por liberalizar o solo.
O presidente galego considerou que os orzamentos xa contan "co mérito da normalidade e a estabilidade" de ser tramitados para a súa aprobación en tempo e forma, a diferenza dos do Goberno central que aínda non os ten, e destacou que son "prudentes", pero tamén de "crecemento económico, creación de emprego e gasto social".
Así que "as nosas prioridades non son a amnistía", dixo Rueda, nin tampouco "facer a pelota ao 'Señor Un', como fai vostede aquí todos os días", espetou a Besteiro, en referencia á denominación que fan investigados no caso Koldo en alusións a Pedro Sánchez, presidente do Goberno central, ao que dixo que ve "bastante escacharrado".
Pontón: "Leva quince anos facéndolle bullying ao galego"
O informe do Instituto Galego de Estatística que reflicte a "drástica caída" do uso do galego entre a mocidade centrou o cara a cara entre a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento.
Pontón acusou a Rueda de "levar quince anos facéndolle bullying ao galego" e afirma que o informe do IGE desmostra que "o galego se desangra como consecuencia das políticas lingüicidas da Xunta".
Pontón afea a Rueda que "culpe" desta situación "os inmigrantes, as familias, as redes sociais e o IGE", e pídelle que derrogue o que cualifica como o "decreto da vergoña".
"Abandone a súa política de acoso e derruba contra o galego. Derrogue o decreto e aplique o Plan Xeral de Normalización Lingüística", pídelle Pontón. "Rectifique e deixe de estar detrás da pancarta contra o galego".
O presidente da Xunta pediulle a Pontón que "non frivolice co bullying nin co acoso" e aféalle á líder do Bloque que sexa "tan catastrofista, tan extremistas". Acusa os nacionalistas de "usar o galego como carga política de demolición, cando ten que ser unha riqueza para construír pontes".
Afirma Rueda que "o 95 % dos galegos sabe falar e ler en galego e o 87 % sabe escribilo"." Que hai que mellorar, por suposto", afirma o presidente, que segue insistindo en que un dos causantes da caída do uso do galego é que "a Galicia viñeron nos últimos quince anos 115.000 persoas que non son galegofalantes". Deles, segundo Rueda, 25.000 son nenos escolarizados". "Non digo que sexa a única causa, pero é a causa principal".
Pontón acusa a Rueda de levar "15 anos de políticas de acoso e derruba contra o galego e pregúntase: "Onde está a igualdade para o galego? Onde está o 50 % do galego nos medios de comunicación, na xustiza, na sanidade, nas estreas de cine, no ensino? Onde está a igualdade para o galego?".
Pontón di que acudirá "coa mellor das disposicións" á reunión de mañá co conselleiro de Lingua
Rueda avanza que o conselleiro de Lingua vai chamar mañá aos grupos políticos para ver como mellorar a situación. "Se quere ver como atraemos os neofalantes, estará con nós. Se quere seguir co dogmatismo nacionalista, non conte comigo, con este grupo nin con este Goberno", díxolle.
A portavoz do Bloque afirma que acudirá á xuntanza co conselleiro "coa mellor das disposicións, pero se o ton é o que está tendo vostede aquí o que demostra é que non queren un acordo, queren unha foto".
Pontón pídelle ao presidente que derrogue o decreto do plurilingüismo e volva ao Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento.
Rueda defende o modelo de "bilingüismo cordial" e avanza algunhas das medidas que presentará mañá o conselleiro de Lingua, como cursos para que as persoas de fóra aprendan a nosa lingua, a creación da figura dos "voluntarios da lingua" ou o proxecto Nós, que promover o galego nas novas tecnoloxías.
Rueda conclúe: "Imposición non, galego si. Monolingüismo non, bilingüismo e trilingüismo si. A UPG manda no BNG pero non vai mandar nos galegos. Onde vostedes queren apropiarse da lingua. nós queremos que os galegos sintan a lingua como algo propio. Se queren iso atoparemos puntos de encontro, pero se se empeñan en ser policías do galego, entón garden a porra porque os galegos falaremos no que nos pete".