As adegas da Ribeira Sacra abren as portas aos visitantes
As adegas da Ribeira Sacra abren as portas aos visitantes
A Ribeira Sacra presume de viticultura heroica ante os turistas
Celebran a Primavera de Portas Abertas para dar a coñecer as rutas do viño
De paso que descobren os atractivos da zona, degustan os seus caldos
Cunha foto de familia comeza a visita á Ribeira Sacra. Trátase dun grupo de Vigo que participa nas xornadas de Portas Abertas, para unha primeira toma de contacto coa denominada viticultura heroica.
"Non coñeciamos a Ribeira Sacra. Tiñamos oído falar moito dela e da viticultura heroica e queriamos coñecer de primeira man como se cultiva e probar algún dos viños que se producen aquí", indica un dos participantes.
Nesta adega, situada ao pé mesmo do río Sil, á vista dos catamaráns que van deixando o seu ronsel na auga, proban os viños que saíron destas vides. Viños auténticos, aseguran os adegueiros, que conectan coa natureza.
"Canto máis sincero e verdadeiro é un produto, sen maquillaxes nin nada que non pertenza á terra, percíbese mellor a natureza", asegura María José Yravedra, adegueira de Parada do Sil
Ao longo da fin de semana hai sete rutas organizadas, por distintas adegas de Lugo e Ourense. De paso, os visitantes achéganse a outros atractivos da zona, desde os canóns, a gastronomía, as rutas de sendeirismo e aos monumentos máis emblemáticos da Ribeira Sacra.