As agresións a médicos tocaron o máximo histórico en 2024 con 847, unha cada 10 horas
Só un 43,5 % das vítimas acabou denunciando os seus agresores, segundo o Observatorio Contra as Agresións da Organización Médica Colexial (OMC)
Galicia rexistra unha das taxas máis baixas de todo o Estado, do 1,03 %; no conxunto de España sitúase no 2,71
As agresións a profesionais da Medicina alcanzaron en 2024 o máximo histórico de 847, unha cada dez horas, na súa maior parte ameazas e coaccións a médicas en Atención Primaria, ámbito no que estes episodios soben ata supoñer case a metade.
Durante os seus 15 anos de andaina, o Observatorio Contra as Agresións da Organización Médica Colexial (OMC) contabilizou 8.108 agresións, o equivalente a todos os colexiados en Zaragoza ou Asturias, segundo o informe presentado este luns con motivo do Día Europeo contra as Agresións a Médicos e Profesionais Sanitarios, que se celebra cada 12 de marzo.
Con todo, só se denunciaron o 43,5 % das agresións, algo que animan a facer desde a OMC para lograr máis condenas e frear os agresores reincidentes. Só o ano pasado a Policía Nacional tramitou 406 denuncias de agresións a profesionais sanitarios, menos da metade das comunicadas ao Observatorio.
A maior parte das vítimas son mulleres
Segundo o informe debullado por José María Rodríguez, secretario xeral da OMC, en 2024 as agresións creceron un 10 % ao pasar das 769 a 847, catro máis que en 2022, ano ata o de agora récord. Desde que empezaron a comunicarse disparáronse un 81 %.
A taxa nacional de agresións por cada 1.000 colexiados foi de 2,71. Á cabeza sitúase Ceuta, cunha taxa do 18,62. Galicia ocupa o penúltimo lugar, cun 1,03 %.
"É realmente triste que explicásemos tan mal que cando empezamos aos 18 anos a nosa vocación era axudar os demais. Parece que vivimos nunha sociedade na que o diálogo se deteriora, o insulto substitúe o argumento e o respecto vaise desprazando pola crispación constante", lamenta o presidente da OMC, Tomás Cobo.
Os centros de saúde aglutinaron o 47,7 % dos casos. Aínda que a inmensa maioría (83 %) perpetráronse na sanidade pública, na privada aumentaron cinco puntos ata o 17 %.
O 62,4 % das agresións foron dirixidas contra unha muller e o 14 % delas acabaron derivando nunha baixa médica. Pola contra, o acoso, que subiu un punto (do 1 % ao 2 %) sufrírono maioritariamente os homes (65 %).