Publicador de contidos
Publicador de contidos

As ausencias de Lesmes e de representantes do poder xudicial marcan o desfile do 12-O

As ausencias de Lesmes e de representantes do poder xudicial marcan o desfile do 12-O

O expresidente do CXPX non asiste coincidindo coa publicación do seu cesamento no BOE

A parada militar recupera a normalidade prepandemia

Antón Montero 12/10/2022 20:32 Última actualización 12/10/2022 20:37

Custaba atopar algunha máscara entre os milleiros de madrileños que ateigaban ás once da mañá o paseo da Castellana. O desfile do doce de outubro deixou atrás as restricións da covid e a noticia volveu estar nas presenzas e nas ausencias.

Non faltaron Filipe VI e a raíña Letizia, e tampouco a infanta Sofía, pero si a princesa de Asturias, que este mércores tiña clase en Gales.

No palco do Goberno estaban case todos, agás Ione Belarra, nas últimas semanas do embarazo, os titulares de Economía e Transición Ecolóxica, en viaxes oficiais, e o de Universidades, por motivos persoais.

Coma sempre, Cataluña e o País Vasco deixaron baleira a súa cadeira no palco das autoridades autonómicas.

Pero a grande ausencia foi a da sexta autoridade do Estado: o presidente do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, escusaba a súa presenza o mesmo día que o BOE publicaba a súa dimisión.

Faltaron tamén moitos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Tribunal Supremo ou da Audiencia Nacional, incomodados polo retraso das invitacións cursadas desde o ministerio de Defensa. 

Ataviado co uniforme da Armada, Filipe VI presidiu un desfile que recuperou o esplendor dos tempos preCOVID: máis de 4.000 efectivos dos tres exércitos, pero tamén da Policía, Garda Civil, servizos de aduanas ou emerxencias percorreron durante case hora e media o paseo da Castellana.

Tamén volveu ao antigo formato a posterior recepción na Casa Real: houbo máis de 2.500 convidados, cinco veces máis que o ano pasado. En 2020 nin  sequera se celebrou.

E volveuse falar de xustiza. Núñez Feijóo díxolles aos xornalistas que, a cambio de pactar a renovación do Consello de Poder Xudicial, vaille esixir a Sánchez que se comprometa por escrito a cambiar o sistema de elección dos seus membros, unha condición que descartou o presidente do Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade