As autonomías reclaman xestionar unha porcentaxe maior dos fondos europeos
As autonomías reclaman xestionar unha porcentaxe maior dos fondos europeos
Unha xornada económica reúne en Santiago académicos, analistas e responsables das finanzas das distintas administracións
Na X Xornadas de RIFDE sobre finanzas autonómicas os expertos presentes coinciden en que a inflación actual obrigará as administracións a despregar artillería, unha batería de medidas destinadas a amortecer o impacto sobre as economías domésticas.
Aquí ábrese o debate sobre o papel das grandes fortunas e as grandes empresas, cun consenso bastante xeral en que deben contribuír máis, pero con algúns expertos indicando que a presión sobre as eléctricas non debe ser excesiva para permitir os investimentos que farían posible a necesaria aceleración da transición enerxética.
"Non queremos depender máis da conta de Rusia, porque non non fiamos dela. Entón isto estimúlase se o que inviste en enerxía renovable ten un rendemento máis alto", declarou Angel de la Fuente, da FEDEA.
Outra medida xa decidida, a da rebaixa o IVE da luz ao 6 %, foi celebrada polos responsables das finanzas autonómicas, aínda que iso signifique diminuír os ingresos ás arcas públicas.
"Será unha cuestión que tamén asumiremos como custo as comunidades autónomas e estamos contentos nun momento coxuntural coma este poder aumenatr a renda dispoñible do peto dos cidadáns", explicou Rosario Sánchez Grau, conselleira de Facenda das Baleares
As autonomías xestionan as columnas do estado do benestar, sanidade e educación, e reclaman máis porción na repartición da recadación de tributos. Tamén máis porcentaxe na xestión dos fondos Next Generation.
"Hoxe coñecemos ademais as presións dos funcionarios para tamén reclamar subas salariais porque en realidade é un xogo de suma cero, ninguén quere perder ante unha inflación que está ao 9 % e hai que ver canto se vai repartir e, despois, que non todo pode ser un criterio de poboación porque hai comunidades, entre elas Galicia, en que a orografía e a dispersión son fundamentais", matizou David Cantarero, da Universidade de Cantabria.
Despois do esforzo de gasto público en pandemia, agora será precisa unha batería de axudas ás economías domésticas que haberá que financiar, explican, con subas fiscais selectivas.