As Baleares, aínda en alerta, solicitarán que se declare zona catastrófica
As Baleares, aínda en alerta, solicitarán que se declare zona catastrófica
AEMET mantén para este venres a alerta, de nivel "amarelo" (risco), ante a previsión de que se volvan a rexistrar fortes choivas e tormentas
Os tres aeroportos de Baleares están a operar este venres con normalidade, informou Aena, tras as regulacións aplicadas por seguridade o mércores e o xoves polas tormentas nas illas e que supuxeron cancelacións e atrasos.
Segundo o organismo xestor, a situación é de normalidade tanto nos aeroportos de Palma e Mahón, os máis afectados o xoves, como en Eivisa.
É o primeiro síntoma de recuperación da normalidade no arquipélago, malia que continúa en alerta, de nivel "amarelo" (risco), ante a previsión de que se volvan rexistrar hoxe forte choiva e tormentas, que van afectar a todas as illas, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía.
As predicións sinalan que se van volver rexistrar choivas moi abundantes, de ata 35 litros por metro cadrado nunha hora, así como fortes tormentas, que irán remitindo ao longo da tarde.
As precipitacións foron moi abundantes durante os dous últimos días, e onte chegáronse a acumular máis de 200 litros por metro cadrado en Es Mercadal (Menorca), e ao redor dos 100 en numerosos puntos do arquipélago.
Ata Menorca desprazouse a ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera, quen gabou a prudencia dos veciños polo que non houbo que lamentar danos persoais. Celebra tamén a vida o pescador de Formentera que foi rescatado logo de pasar 7 horas na auga agarrado a unha táboa.
Emerxencias 112 xestionou 416 incidentes nas Baleares relacionados con choivas e tormentas desde que comezou o episodio de meteoroloxía adversa o día 13. O día de maior actividade foi o xoves, con 250 incidentes.
Por fortuna esta DINA non deixa vítimas mortais nin feridos de importancia, pero obrigou aos servizos de emerxencia a multiplicar os seus esforzos.
Un helicóptero do Servizo Aéreo da Garda Civil rescatou esta noite en Menorca 16 persoas, 7 delas menores, coas súas respectivas mascotas, que se refuxiaran nos tellados de catro vivendas da zona de Es Plans, xunto á estrada entre Alaior e Es Mercadal, para resgardarse da auga que asolagaba as súas vivendas.
Axentes da Garda Civil axudaron tamén a reacoller 31 anciáns da residencia xeriátrica de Alaior, en cuxa primeiro anda entrara copiosa auga pola choiva torrencial caída durante boa parte da tarde no centro de Menorca.
O epicentro da tormenta rexistrouse en Es Mercadal, cuxos veciños se afanaron durante toda a noite en limpar as súas casas e garaxes asolagados pola choiva, que deixou 204,2 litros por metro cadrado en apenas 4 horas e desbordou por completo o torrente da localidade.
A riada levouse por diante decenas de vehículos, que xa foron retirados na súa totalidade do torrente, maltreito tamén, con numerosos tramos sen varanda nin protección, que tiveron que ser precintados pola Policía Local.