As barreiras arquitectónicas impídenlle a unha anciá da Coruña saír da casa desde hai tres anos
As barreiras arquitectónicas impídenlle a unha anciá da Coruña saír da casa desde hai tres anos
Herminia Rivas ten problemas de mobilidade e o ascensor do seu edificio non chega á rúa
A falta de acordo entre a propiedade do baixo e os seus inquilinos impide acometer as obras, que xa teñen licenza
Desde hai tres anos estas paredes e a ventá do terceiro andar do edificio onde vive, no barrio do Ventorrillo, son o único lugar polo que pode pasear a vista Herminia. Os seus problemas de mobilidade impídenlle camiñar e o ascensor do inmoble non chega abaixo.
"Podo saír pola porta e montar no ascensor, pero chego abaixo e quen me baixa as tres escaleiras?".
Máis concretamente, eses cinco chanzos son o que a separan dun paseo, xa non diario, con saír unha vez á semana confórmase. Hai uns anos a comunidade decidiu instalar un elevador, pero a Xunta obrigou a retiralo por non axustarse á normativa.
Agora, os veciños acordaron realizar as obras para baixar o ascensor ata o nivel da rúa. Xa contan con licenza de obra, pero a necesidade de que o local do baixo ceda un pequeno espazo ten paralizados os traballos. "Hai que collerlles 70 centímetros e se lles paga, pero o que marca a lei", di Herminia, "non lles imos dar dous millóns".
A administración da comunidade está tentando mediar entre os propietarios do local e os seus inquilinos para tratar de chegar a un acordo. Mentres tanto, aos seus 86 anos, Herminia non perde o humor e conta coa axuda e a compaña da súa irmá de 80. Pero segue atrapada.
"Se vou ao xulgado teño que pagar, e os avogados son moi caros, e hai que nomear procurador e despois sae dentro de tres anos...", quéixase Herminia, que engade: "Que se poñan no meu lugar! A ver que facían pechados tres anos nunha cama!".
A licenza para acometer a obra do ascensor caduca en setembro. Ata entón, esta muller non perde a esperanza de lograr volver saír polas rúas da Coruña.