Publicador de contidos

Publicador de contidos

As bolsas de estudo para o curso 2025-2026 pódense solicitar desde este luns

As bolsas de estudo para o curso 2025-2026 pódense solicitar desde este luns

As bolsas, cun orzamento de 2.544 millóns de euros, están dirixidas a estudantes universitarios e de ensinos artísticos superiores (grao e máster), e tamén a estudantes de Bacharelato, Formación Profesional e outros estudos non universitarios

En canto ao importe das axudas, a contía asociada á renda familiar sitúase en 1.700 euros, mentres que a axuda ligada ao cambio de residencia durante o curso ascende a 2.700 euros (o pasado curso foi de 2.500) e a cantidade por excelencia académica poderá ir desde 50 a 125 euros

G24.gal 24/03/2025 08:41

Segundo a convocatoria xeral de bolsas ao estudo do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes para o curso 2025-2026, estas xa se poden solicitar desde este luns 24 de marzo ata o 14 de maio. As bolsas, cun orzamento de 2.544 millóns de euros, están dirixidas a estudantes universitarios e de ensinos artísticos superiores (grao e máster), e a estudantes de Bacharelato, Formación Profesional e outros estudos non universitarios.

Os estudantes deberán cubrir unha serie de datos provisionais, que poderán modificar máis adiante, xa que deben solicitala agora aínda que non saiban as notas que obterán este curso, que van estudar no que vén ou se van continuar ou non coa súa formación. En canto ao importe das axudas, a contía asociada á renda familiar sitúase en 1.700 euros, mentres que a axuda ligada ao cambio de residencia durante o curso ascende a 2.700 euros (o pasado curso foi de 2.500) e a cantidade por excelencia académica poderá ir desde 50 a 125 euros.

O Ministerio explica que se incrementou a axuda ao cambio de residencia para que preto de 101.000 alumnos, a maior parte de zonas rurais, poidan desprazarse fóra dos seus municipios e continuar cos seus estudos grazas a esta axuda. Nesta convocatoria, os estudantes de ensinos artísticos superiores equipáranse aos universitarios, o cal beneficiará uns 7.000 mozos, detalla Educación.

Tamén aumentan un 25 % as contías fixas para aqueles alumnos universitarios ou de ensinos artísticos superiores que acrediten unha discapacidade do 25 % ao 65 %. Esta medida complementa a que xa se aplica ao alumnado con discapacidade igual ou superior ao 65 %. No caso dos alumnos das zonas afectadas pola DINA, non se terán en conta no cómputo dos rendementos patrimoniais as subvencións estatais recibidas por este motivo.

Nesta edición flexibilízanse os requisitos académicos a aquelas persoas maiores de idade que acrediten a condición de vítimas de violencia sexual, para equiparalas ás persoas menores de idade en igual situación e ás vítimas de violencia de xénero. A solicitude poderase formalizar no apartado de Bolsas e Axudas da web do Ministerio de Educación: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-e-axudas.html.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade