As candorcas deixan un veleiro inglés á valga nas Sisargas
As candorcas deixan un veleiro inglés á valga nas Sisargas
O barco foi trasladado por Salvamento Marítimo á Coruña
Este incidente súmase a outros ataques das baleas acontecidos esta fin de semana na Costa da Morte
Os incidentes de embarcacións de recreo con candorcas son xa practicamente diarios nas costas Galegas. Este luns, un veleiro inglés quedou sen goberno preto das Sisargas cando os animais lle romperon o timón. E esta fin de semana, as candorcas achegáronse polo menos a outros catro barcos na Costa da Morte. Tres deles quedaron tamén sen timón.
As imaxes gravadas o sábado dende o veleiro Bon III son as que mellor ilustran o xeito no que as candorcas están atacando as embarcacións de recreo na costa galega. Dúas candorcas baten varias veces contra o timón do barco, vano rodeando e altérnanse nos golpes. Non paran ata que o timón está roto.
O Cachete e o Lambaix, dúas embarcacións que teñen o porto base en Sada e ían participar na regata Rias Baixas, padeceron un ataque semellante o domingo. O Cachete foi o que máis danos sufriu, ten o timón roto e este luns izárono no porto de Camariñas para ver se ten máis danos no casco. Unha avaría que pode supoñer un custo de 15.000 euros arranxala.
Os episodios con candorcas son cada vez máis recorrentes na Costa da Morte e no golfo Ártabro. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños está analizando estes episodios e lembra que de verse nunha situación así hai que apagar todos os equipos electrónicos e motor, e deixar marchar aos animais.
O patrón do Cachete, Francisco Edreira, di que todo aconteceu en menos dun minuto:
"Avísanme de que hai unha cousa rara no temón e xa me din conta que eran as candorcas. Iamos con piloto automático e o temón comezou a moverse con moita brusquidade. Rapidamente apaguei o motor aínda demorou un anaco porque tiven que desconectar o piloto automático. Deron dous golpes e na terceira xa rompeu o temón xa o vimos flotando".
Nas últimas semanas foron numerosos os incidentes deste tipo en augas galegas. O 29 de xullo, un veleiro foi remolcado á cidade herculina desde Cedeira (A Coruña) por mor dun grupo de candorcas e a embarcación de recreo Gloria axudou nesta tarefa.
Salvamento tamén detallaba dúas incidencias de veleiros que navegaban a seis millas ao oeste de Corrubedo, na parroquia coruñesa de Ribeira, con candorcas. Un deles tivo que ser remolcado e o outro non necesitou asistencia e puido manobrar con dous motores.
O primeiro era o Ormelune, no que ían tres tripulantes a bordo, e que tivo que ser remolcado. Na mesma zona, pouco tempo despois, sufriu unha situación similar o veleiro Moana, e estes animais danaron os dous timóns. Así mesmo, non é a primeira ocasión que ocorren en Galicia incidentes deste tipo. En 2020 e de maneira bastante seguida, tiveron lugar varios episodios nas Rías Altas e Baixas.