A chuvia de outono enche os encoros galegos a niveis superiores aos de decembro de 2021
A chuvia de outono enche os encoros galegos a niveis superiores aos de decembro de 2021
En dous meses, o de Baiona pasou de menos do 30 % a máis do 90 % de ocupación
A reserva hídrica estatal creceu un 6,3 % nunha semana
Despois de semanas, a chuvia do outono conseguiu que os encoros galegos estean máis cheos ca en decembro pasado e que se acheguen á media de ocupación da última década. E todo logo das situacións de prealerta por seca e as restricións.
O encoro de Baiona, no río Baíña, non chegaba a mediados de outubro ao 30 por cento. E agora supera o 90 por cento, segundo o último boletín hidrolóxico de Augas de Galicia.
Outro caso, o encoro de Zamáns, que abastece a Vigo. Presentaba un nivel baixo no verán, e no mes de outubro caera por baixo do 40 por cento. Agora tamén supera o 90 por cento.
A reserva hídrica nesta conca Galicia-Costa sitúase case no 68 por cento, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A bacía Miño-Sil, pola súa banda, está no 57 por cento.
A media española queda no 42 por cento da capacidade, despois de nove semanas consecutivas de aumentos. O ministerio destaca que só na última semana a reserva hídrica estatal aumentou máis de 3.500 hectómetros cúbicos, o que supón que só nestes últimos días aumentou máis do seis por cento da capacidade total dos encoros.
Ampliación do Plan de risco de inundación de Galicia
A Xunta tivo que ampliar o Plan de Risco de Inundación de Galicia, o Inungal. Xa estaban en alerta os ríos Dubra e máis o Tambre e agora tamén o está o Lérez. Os tres superaron xa os límites establecidos, elevando así o risco de inundación.
Outros dez ríos están na mesma situación. Pero polo momento o que houbo foron rebordamentos. A situación máis complicada dos ríos está nas provincias da Coruña e na de Pontevedra. Pero tamén no interior miran con preocupación algún río como é o caso do CABE que pasa por Monforte de Lemos. Igual de crecido e de perigoso está tamén o Arenteiro que percorre o concello ourensán do Carballiño.