Publicador de contidos
Publicador de contidos

As colonias de gatos xa forman parte da paisaxe urbana nas cidades galegas

As colonias de gatos xa forman parte da paisaxe urbana nas cidades galegas

As asociacións coidadoras insisten en que o máis importante é non abandonalos

Miau é un dos gatos das colonias que atende a asociación Micos do Barrio
G24.gal 28/04/2023 21:08 Última actualización 28/04/2023 21:29

Colonia de gatos no Miradoiro do Coto con vistas ao barrio santiagués das Fontiñas. Aquí, nun recuncho delimitado e acondicionado con casetas para eles no parque público, gozan da tarde solleira Rubus e Brezo, dous machos esterilizados e sanitariamente controlados. É unha das dez colonias que atende a asociación veciñal Micos do Barrio. 23 voluntarios revisan todas dúas veces ao día como nos conta unha delas, Marta Muñoz.

"A diario teñen que comer, dámoslles acubillo, auga, alimentación, desparasitacións, esterilización e se algún necesita atención veterinaria".

Tamén comproban que as colonias non sofren desfeita ningunha porque ás veces, faise dano coa mellor das intencións. As regras básicas son: non abandonar gatos nas colonias, non ceibar cans na contorna e nada de deixarlles comida, dinos Marta.

"A xente ten que comprender que o seu espazo seguro son as casetas da colonia aínda que lles gusten moito os gatos é moi importante respectar ese espazo seguro. Esa comida pode ensuciar o medio e atraer outros animais".

Algunha colonia ten case vinte anos, anos dun traballo de sensibilización e información moi grande por parte das asociacións. As veciñanzas fóronse afacendo ás colonias e mesmo acabaron colaborando como pasou nestoutra do mesmo barrio onde viven Miau e Nati.

"Preocúpanse, preguntan por eles, queren acaricialos, participar, preguntan que poden facer".

Confían en que as colonias vaian extinguíndose naturalmente, ao estar esterilizados os gatos, pero tamén que nun futuro próximo non se necesiten por cesar os abandonos destes animais domésticos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade