As comunidades autónomas do PP aceptan acoller menores inmigrantes das Canarias
As comunidades autónomas do PP aceptan acoller menores inmigrantes das Canarias
O Goberno central negocia esta tarde coas comunidades a repartición de 400 menores non acompañados
A Conferencia Sectorial de Infancia celébrase en Tenerife
Na reunión que se celebra na tarde do mércores en Tenerife, todas as comunidades gobernadas polo PP van aceptar acoller menores inmigrantes que agora están nas Canarias.
Confirmouno esta mañá o líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén lle pide ao Goberno central que "habilite instalacións e xestione o resto de menores que necesiten asistencia e coidado" cando as comunidades sobrepasen as súas capacidades de acollida.
O PP desoe así a Vox, que ameaza con romper os pactos de goberno nas comunidades. Volveuno repetir este mércores o vicepresidente de Castela e León. Juan García-Gallardo asegurou que "se nos fan escoller entre o honor e os barcos, escolleremos o honor".
Pero o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, insiste en que "non se pode ameazar a ninguén por cumprir co seu deber, e nós temos que cumprir co noso deber".
A repartición que se acorde hoxe é voluntaria e este sistema, di o Goberno, non funciona. Por iso, propoñen unha reforma da lei de estranxeiría para facer obrigatorio o acollemento en todas as autonomías.
Junts xa anunciou que votará en contra se non se exclúe a Cataluña desa repartición. Así, non dan as contas e o executivo xa busca o apoio do PP no Congreso. Este tarde presentaralles ás comunidades autónomas a súa proposta.
Segundo María Jesús Montero, vicepresidenta primeira do Goberno, "oxalá esta tarde o PP manifeste o seu voto favorable a esa modificación da lei de estranxeiría para obrigar todas as comunidades, con criterios obxectivos, a acoller a nenos e nenas que veñen fuxindo da fame".
Os populares queren primeiro estudar o texto, pero temen que se traslade todo o problema ás comunidades. Carlos Mazón, presidente da Generalitat valenciana, pregúntase por que son autonomías as que teñen que pasar "un exame de solidariedade" mentres que Europa, o Goberno e os concellos se "borran" deste asunto.
O Goberno central asegura que esa repartición obrigatoria iría acompañada de financiamento extra.