As comuñóns planifícanse cada vez con máis antelación
As comuñóns planifícanse cada vez con máis antelación
Dende novembro xa se fan encargas de vestidos, e agora toca probalos xusto antes do evento
As modas inflúen nos deseños dos traxes, pero seguen predominando os modelos clásicos
As nenas e nenos que fan a primeira comuñón teñen estes días unha actividade extraescolar a maiores. Deben pasar polas tendas de roupa, onde os pais encargaron o vestido ou o traxe que lucirán o día do evento. Unha festa especial para os cativos en que os pais non escatiman gastos.
"Uns tres ou catro mil euros. Pero todo é pola ilusión que lle fai, por estar cos amigos e coa familia", comenta unha nai que asiste á segunda proba de vestido da súa filla.
Desde douscentos ata máis de mil euros. O custo dos vestidos e traxes varía en función dos deseños e das teas. Neste sector tamén inflúen as modas e hai mudanza nos gustos, pero seguen predominando os modelos clásicos.
"Para os nenos hai tendencia a combinar a preferencia da nai coa do rapaz, e á típica chaqueta de mariñeiro ou militar engádese unha camisa de colo mao, por exemplo", sinala Marián Gómez, responsable da tenda Gwendoline Ceremonias, de Ourense, especializada en traxes de comuñón.
Hai axencias que xa se encargan de preparar todos os asuntos que rodean a festa: convidados, restaurante, animación, xogos, sorpresas, etc. E non podemos esquecernos das lambetadas, que centran as chamadas mesas doces.
"Están compostas sobre todo de gominolas, e ás veces poñemos unha fonte de chocolate, onde mollan a lambetada, e aos cativos encántalles", asegura Marta Carballo, dona dunha tenda de lambetadas.
Á marxe do significado relixioso, a comuñón é o primeiro acontecemento social de que son protagonistas de forma consciente.