Publicador de contidos
Publicador de contidos

As confrarías advirten de que o novo Regulamento de Control de Pesca prexudica a frota de baixura

As confrarías advirten de que o novo Regulamento de Control de Pesca prexudica a frota de baixura

O presidente da Federación Galega de Confrarías Xosé Antonio Pérez Sieira rexeita o acordo dos 27, entre outras cousas porque considera que non ten sentido que se lles obrigue a instalar sistemas de transmisión de datos electrónicos ás pequenas embarcacións que traballan nas rías

G24.gal 01/06/2023 09:41

A Federación de Confrarías rexeita que a frota de baixura deba instalar o DEA, o Diario Electrónico a Bordo, a aplicación que permite o rexistro informático das operacións de pesca, tal como consta no acordo ao que se chegou onte en Bruxelas para a aprobación do novo regulamento do sistema de control da pesca.

Nunha entrevista na Radio Galega, o presidente da Federación de Confrarías Xosé Antonio Pérez Sieira valorou que o acordo inclúa un período de transición de varios anos para aplicar as medidas, pero insiste en que a instalación de sistemas de transmisión de datos electrónicos nas pequenas embarcacións vai prexudicar a pesca de baixura.

"O que máis nos pode prexudicar é o sistema de transmisión de datos electrónicos. Xa temos dito que aquí, en embarcacións pequenas, no medio da ría, por dentro, non fai falta nin temos os medios. Non son embarcacións adaptadas para retransmitir eses datos. Eles seguen co mesmo empeño. O ministro di que é un bo acordo, pero nós non apoiamos ese acordo".

O novo regulamento impón a obriga de que as embarcacións estean localizadas en todo momento. Unha medida que asumen as confrarías.

"O tema da xeolocalización non ten problema. É un aparato que tes a bordo. Non nos importa porque non andamos por ningunha zona prohibida, porque dentro da ría non as hai".

O presidente da Federación Galega de Confrarías recoñece melloras no texto do acordo, como a supresión da obriga de que as mariscadoras de a pé tivesen que transmitir datos electrónicos das capturas, que só os barcos de máis de 18 metros de eslora teñan que instalar cámaras, na ampliación das marxes de tolerancia ou no relativo ao control da trazabilidade dos produtos. Con todo, cre que o borrador do regulamento debería mellorarse antes de que se aprobe no Parlamento Europeo.

"O mellor é que temos un período de transición de catro anos nalgunhas cousas e de case seis para outras. Pero, polo resto, as cousas que a baixura viña demandando seguen igual".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade