As contas de Jorge Prado: depende del para gañar o Mundial
As contas de Jorge Prado: depende del para gañar o Mundial
Quedan dúas probas para rematar o MXGP —A China e Cidade Real—, e o piloto de Lugo sabe que gañándoo todo enxugaría os catorce puntos que ten perdidos con Gajser
Quedan dúas probas para rematar o Mundial de motocrós e non pode estar máis emocionante. Á fronte segue o esloveno Tim Gajser. O piloto de Lugo Jorge Prado é o segundo clasificado e atópase a 14 puntos de Gajser logo de recuperar cinco no GP de Turquía celebrado esta pasada fin de semana.
A China e Cidade Real decidirán o gañador final e Prado bota contas. Malia estar por detrás na xeral depende del para revalidar o triunfo no MXGP. Tería, iso si, que gañar todo o que queda: as dúas carreiras de cualificación e as catro carreiras que ten por diante para asegurar o título. É un reto moi difícil pero non imposible, e Prado xa demostrou, se as condicións da pista o permiten, ser o piloto máis rápido do campionato.
Gajser amosou en Turquía que corre coa calculadora. Non quixo arriscar nos adiantamentos e conformouse con estar á roda de Jorge Prado nas dúas probas, moi consciente do que está en xogo. Pero esa táctica podería non valerlle nestas dúas citas. E hai rivais dabondo como Herlings, Seewer ou Renaux que poden ser xuíces do Mundial de motocrós se se meten no medio dos dous pilotos que manteñen o gran duelo.
Será un final de campionato apaixonante e verémolo, como todas as probas, na G2 e en agalega.gal.