As declaracións policiais sinalan unha hipótese de culpabilidade no crime do Ceao
As declaracións policiais sinalan unha hipótese de culpabilidade no crime do Ceao
Súmanse ás das testemuñas que incriminan o acusado, Manuel Juan Vilariño
Varios indicios apuntan cara a unha hipótese de culpabilidade por parte do acusado polo dobre crime do Ceao, Manuel Juan Vilariño. Son a súa proposta do atraco, o seu coñecemento como cliente do Cash Record, o manexo de armas e a localización no lugar dos feitos.
Así o sinalaron na Audiencia Provincial de Lugo os autores do informe policial que, a ollos da acusación, incrimina o procesado.
"Sabemos, e así se recolleu, que este señor tiña armas. É algo importante, que el negaba na súa declaración e que onte dixo unha testemuña", segura Carmen Balfagón, avogada da acusación particular.
"Eu creo que se van saber moitas cousas. De feito, xa están saíndo cousas importantes, e seguiremos vendo cantas contradicións hai, que é o máis importante", considera Isabel López, irmá dunha das vítimas do atraco.
As declaracións dos inspectores de policía súmanse ás das testemuñas que incriminan o acusado.
É o caso do home con toxicomanía que testificou que Vilariño vendía armas e realizaba prácticas de tiro ou o do mecánico que asegurou que o seu coche era, orixinalmente, de cor branca, como o visto nas inmediacións do Cash Record cando se produciu o atraco.
"O certo é que o vehículo non era de cor marrón escura. E o vehículo que se peritou era do señor Vilariño", sinala Carmen Balfagón.
"Agora está saíndo aquilo polo que loitabamos. El estaba aí", subliña Isabel López.
Polos dous delitos de asasinato, roubo con violencia e tenza ilícita de armas, a acusación solicita para o procesado 28 anos de cadea, mentres que a defensa pide a absolución. O xuízo continuará con novas declaracións policiais e periciais na que se prevé que sexa a derradeira xornada.