As empresas deberán medir o gas radon nos centros de traballo a partir de xuño
As empresas deberán medir o gas radon nos centros de traballo a partir de xuño
O Consello de Seguridade Nuclear determinará os concellos afectados
Conta atrás para que remate a moratoria do novo Real Decreto de saúde laboral aprobado polo Goberno en 2022. A partir do 22 xuño, as empresas españolas deberán medir o nivel de radon nos centros de traballo.
"Desde a entrada en vigor deste Real Decreto será obrigatorio medir en todos os sectores de actividade sempre que teñan instalacións ou centros de traballo que estean en planta baixa ou en planta baixo rasante", explica a experta María Botana.
O Consello de Seguridade Nuclear determinará os concellos afectados. A asesora en riscos laborais da Confederación de Empresarios da Coruña María Botana sinala que no caso de Galicia serán practicamente todos. "Eu atrévome a aventurar que en Galicia o 80 % do territorio se verá afectado".
Galicia é unha zona granítica. O radon orixínase pola desintegración do uranio contido na pedra e acumúlase en lugares pechados. A OMS relaciona a exposición a este gas con casos de cancro de pulmón.
"As actuacións van encamiñadas a illar e facer un bo illamento do que é o chan. O radon emana da codia terrestre, polo tanto, canto mellor illado estea menos posibilidade hai de que chegue ao noso espazo de traballo", engade María Botana.
Tamén pode ser preciso establecer sistemas de extracción ou renovación do aire. A lei marca o nivel de referencia en 300 becquereis/m³. Para medir a concentración de radon os expertos recomendan acudir a laboratorios acreditados. En Galicia existen dous.