O Concello de Maside elabora un mapa da incidencia do gas radon nos 66 núcleos do seu municipio
O Concello de Maside elabora un mapa da incidencia do gas radon nos 66 núcleos do seu municipio
Dentro de tres meses coñeceranse xa os primeiros resultados
O Concello de Maside está a elaborar un mapa da afectación do gas radon nos diferentes núcleos do municipio. Instalan os detectores nos edificios oficiais e tamén en vivendas particulares en colaboración cos veciños. Dentro de tres meses coñeceranse xa os primeiros resultados deste proxecto, en que traballan conxuntamente coa Universidade de Santiago.
O gas radon é invisible e indetectable para o ser humano. Procede do substrato do chan nos solos de orixe granítica e moi fracturados. Pois ben nesa definición encaixa máis do oitenta por cento do substrato en Galicia, especialmente en Lugo e Ourense, cunha incidencia das máis altas de España. É un gas radioactivo que pode acabar producindo cancro. Aquí en Maside decidiron elaborar un mapa da súa incidencia nos case setenta núcleos do seu municipio.
"Aquí hai moita vivenda tradicional, toda de pedra, eran cuadras, a cimentación está sobre o sábrego. Mirar se esas adegas ou cuadras de antes, que non tiñan ventilación suficiente crean ese radon e buscar unha solución", explica o alcalde, José Manuel Iglesias.
Comezaron polos edificios públicos pero dende hai tres semanas percorren o concello para instalar dispositivos coma estes nas vivendas. Óscar Gulfer é o arquitecto municipal:
"O gas penetra na vivenda a través das fendas que pode haber na estrutura, dos materiais de construción, de xuntas de dilatación, de encontros entre diferentes materiais construtivos".
Son detectores de trazas de partículas, que almacenan información durante tres meses para despois enviar todos eses datos o laboratorio de radon da Universidade de Santiago e poder así elaborar o seu mapa. En función dos niveis rexistrados achegaranlle as recomendacións precisas aos seus veciños.
"Polo menos procurar ventilar máis e a partir de 600-800-900, xa tratar de forzar unha ventilación no interior da vivenda, e a partir xa dos 1200 hai que acudir a outro tipo de solucións construtivas", apunta Óscar Gulfer, arquitecto municipal de Maside.
Din que o que buscan é informar e sensibilizar, utilizar o mapa como unha ferramenta para coidar a saúde dos veciños.