Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un home de 58 anos nun violento accidente de tráfico en Maside

Morre un home de 58 anos nun violento accidente de tráfico en Maside

A vítima, veciña do Carballiño, faleceu no acto tras saír da vía co seu coche 

G24.gal 31/10/2024 09:31 Última actualización 31/10/2024 10:00

Un home de 58 anos de idade e veciño do Carballiño faleceu na madrugada deste xoves tras saírse da vía mentres circulaba co seu coche pola localidade ourensá de Maside.

Tal como informa o 112 Galicia e a Garda Civil, os feitos sucederon sobre as 00:45 horas no punto quilométrico 78 da AG-53, no ramal de ligazón da autovía AG-54, onde o home saíu da estrada pola marxe esquerda e envorcaría co Ford Focus que conducía.

Foi un particular o que contactou cos servizos de emerxencia alertando da situación, polo que se deu aviso a Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Carballiño, á Garda Civil e a Protección Civil. Tamén os servizos de mantemento e limpeza da vía tiveron que actuar.

"Por causas que están a ser investigadas polo Equipo de Investigación de Sinistros de Tráfico do Subsector da Garda Civil de Ourense, o condutor perdeu o control do seu vehículo e impactou contra a barreira de formigón e, tras voar sobre a mediana, cruzou o ramal do sentido contrario e caeu por un desnivel ata a súa posición final sobre a cuneta dunha pista asfaltada que se dirixe á localidade da Touza", engade a Benemérita.

A pesar de todo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa. Debido á violencia dos impactos e tras dar varias voltas de campá, foi necesario utilizar métodos de excarceración para que os servizos médicos puidesen acceder ao corpo sen vida e certificar o seu falecemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade