Unha de cada cinco vivendas galegas supera o límite de gas radon recomendado pola OMS
Unha de cada cinco vivendas galegas supera o límite de gas radon recomendado pola OMS
Os interesados en saber os niveis de radon da súa casa poden contactar co Laboratorio de Radon de Galicia, liderado pola Universidade de Santiago
O Laboratorio de Radon de Galicia, liderado pola Universidade de Santiago, actualizou o mapa de medicións deste gas realizado no territorio galego e remarcaron que case o 20 % das vivendas na comunidade autónoma superan o límite de gas radon recomendado pola Organización Mundial da Saúde.
Este estudo lembra que unha exposición prolongada ao radon está relacionada cunha maior posibilidade de padecer cancro de pulmón.
Os resultados da actualización do mapa presentounos este xoves o catedrático da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano Raviña.
Ourense, con 798 medicións, é a provincia que obtén unha porcentaxe máis alta de vivendas que superan o límite de radon establecido pola OMS e que se sitúa nos 300 bequerelios por metro cúbico (Bq/m3) cun 23,2 % de vivendas afectadas.
En Pontevedra realizáronse 2.000 medicións que evidenciaron que o 21 % de vivendas están afectadas, mentres A Coruña con 2.630 medicións reflectiu unha afectación no 16,1 % de fogares.
No último chanzo sitúase Lugo cun 10,7 % e 652 medicións. Esta ampliación do estudo sitúa a Galicia “a comunidade autónoma con mellor caracterización deste gas nas vivendas”.
Para o profesor Ruano, o mapa é “un instrumento vivo” que sempre é susceptible de mellora polo que desde o laboratorio fan un chamamento para que todas as persoas que desexen participar se poñan en contacto co equipo investigador.