Xinetes e criadores xúntanse na Festa do Cabalo de Maside
Xinetes e criadores xúntanse na Festa do Cabalo de Maside
Tras estar en perigo de desaparición, loitan por recuperar unha das citas ecuestres máis antigas de Galicia
Ao longo da fin de semana houbo exhibicións, probas para afeccionados e para o campionato galego
Andadura e galope foron as dúas probas coas que culminou a Festa do Cabalo de Maside. Competicións para afeccionados pero con cronómetro e penalizacións, para poñer a proba as habilidades dos xinetes.
"Nós corremos o campionato galego e, á parte imos ás libres que poidamos, sempre", sinala un dos participantes.
E tras a competición, nunha xornada calorosa que rozou os trinta graos, hai que refrescar os animais.
"Porque están suados. Hai que refrescalos un pouco, porque a calor tenos moi revolucionados", explícanos un xinete.
Ata o Puzo do Lago, onde se celebra a festa, desprazáronse xinetes e criadores da contorna e doutros puntos de Galicia e Portugal.
"Nós vimos da Barrela, cos compañeiros, tomar unha empanada e unha tortilla e máis correr cos cabalos". "Antes había moita afección, logo estivo parada e agora volve coller auxe. A ver se volve ser a de antes", comentan dous participantes.
A Festa de Maside, que naceu nos anos 80 estivo en perigo tras a pandemia, pero a afección é tan grande que non a van deixar esmorecer.
Javier Seijo, membro da organización: "É unha das máis antigas de toda Galicia, leva 35 anos facéndose. Agora levaba uns anos morta, somos unha directiva nova e estamos intentando botar isto adiante".
Xa hai candidatas a tomar o relevo, así que o futuro semella asegurado.