Sancionan empresas eléctricas con 4,9 millóns por denuncias do Instituto Galego do Consumo
Sancionan empresas eléctricas con 4,9 millóns por denuncias do Instituto Galego do Consumo
O organismo, dependente da Consellería de Economía, tramitou o ano pasado máis de 40.000 consultas e reclamacións
As empresas eléctricas recibiron en 2022 máis reclamacións que as de telecomunicacións e telefonía
Houbo en total, en 2022, 44.400 consultas no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, un 11 por cento máis ca o ano anterior. As reclamacións dos consumidores galegos van en aumento, e o que máis medraron foron as denuncias contra as compañías eléctricas, que se incrementaron un 150 por cen en 2022.
"Máis dun terzo das reclamacións foron en relación coa factura da luz e os seus distintos aspectos: estimacións, facturacións indebidas, cortes, etc", explica Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
Medran tamén as sancións, consecuencia destas denuncias, xa que se estableceron sancións ás eléctricas case por valor de cinco millóns de euros, dos trece millóns en sancións impostas en total en 2022.
As empresas de telefonía e telecomunicacións foron as segundas máis sancionadas e demandadas. En terceiro lugar, as compañías aéreas e demais relacionadas co sector turístico.
"Aconsellamos a calquera persoa que teña calquera dúbida co seu recibo da luz, de telefonía ou calquera outras circunstancias, ocio, entradas, billetes de avión... pois que teñen á súa disposición no Instituto Galego de Consumo un teléfono gratuíto, o 900231123", di Sol Vázquez.
De oficio e sen demanda previa, os inspectores e o Laboratorio de Consumo de Galicia testan tamén a seguridade e calidade de xoguetes ou produtos electrónicos.