As empresas galegas apostan pola eficiencia enerxética
A adopción de medidas supón un aforro importante dos custos de produción
A enerxía máis barata é a que non se consome. Esa é a filosofía pola que apostan cada vez máis empresas galegas, que ven na eficiencia enerxética a forma de mellorar notablemente os seus números.
Na canteira da empresa Lemmar Granite en Salceda de Caselas apostaron pola eficiencia enérxetica despois da pandemia, e son un exemplo de como aforrar custos nos procesos produtivos. Para iso puxeron en marcha sete proxectos grazas á liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
Conta Agustín Martínez Ave, director facultativo Lemmar Granite que "comezamos coa instalación dunha planta fotovoltaica no centro de traballo que máis consumo tiña e adquirimos varios equipos máis eficientes que os convencionais, acadando un nivel de aforro enerxético de arredor dun 30 %".
Unha mala xestión da enerxía xera fallos operativos, sobrecustos e un maior impacto ambiental. Dende as institucións hai anos que apostan e axudan as empresas.
Como di Pablo Fernandez Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do INEGA, "a eficiencia enerxética está a ser un factor diferencial por parte das empresas, coma sempre dicimos o quilowatt hora máis barato é precisamente o que non se consome. E por iso, aínda que os investimentos en enerxía renovables e autoconsumo son moi importantes, tampouco hai que descoidar a parte da eficiencia enerxética".
Son moitas as empresas galegas que hai tempo apostan por solucións baseadas na intelixencia artificial e a tecnoloxía de optimización enerxética. Así evitan fallos que supoñen interrupcións e paradas de produción, danos nos equipos ou gastos de mantemento inesperados.
Vicente Mohedano Conselleiro delegado IEQSY, empresa que ofrece solucións de eficiencia enerxética, "son solucións tecnolóxicas específicas para cada unha das instalacións dos nosos clientes, que resolven os problemas de calidade que ten a súa rede eléctrica, tanto interna coma externa, para que non lle afecte á súa liña de produción".
As empresas galegas están cada vez máis concienciadas e saben que reducir o consumo enerxético é bo para as súas contas e tamén o planeta.