As inmobiliarias ven positivo habilitar baixos e entreplantas como vivendas
As inmobiliarias ven positivo habilitar baixos e entreplantas como vivendas
O sector cre que os cambios na normativa de habitabilidade favorecerán o mercado do alugueiro
En Galicia hai entre seis mil e sete mil locais comerciais en alugueiro, e moitos máis pechados, segundo os datos das empresas inmobiliarias. Coa demanda de vivenda en alugueiro en aumento, o sector cre que a nova norma será positiva.
"Temos unha vivenda turística en máximos históricos, con case 25.000 vivendas e, por contra, pouco máis de 2.000 vivendas en arrendamento para vivenda habitual no conxunto das catro provincias. Polo tanto, medrará a oferta de vivenda habitual para que os prezos se equiparen á renda per cápita, e iso é positivo", asegura Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias.
Considera que a curto prazo non vai ter repercusión nos prezos dos alugueiros debido aos trámites administrativos necesarios para o cambio de uso dun local comercial a vivenda. Por iso ve necesario que se axilicen as licenzas municipais.
"No Porto, que é un exemplo de rehabilitación, o trámite dunha licenza municipal urbanística non pasa das dúas semanas. Aquí en Galicia superamos o ano na concesión dunha licenza urbanística. E en cidades como Ourense roza os 18 meses. Iso é inasumible".