Publicador de contidos
Publicador de contidos

As Escolas Familiares Agrarias fan 50 anos en Galicia

As Escolas Familiares Agrarias fan 50 anos en Galicia

Desde a súa implantación formaron 17.000 alumnos en zonas rurais, en colaboración con máis de 2.500 empresas galegas

Neste aniversario pretenden visibilizar o seu traballo como xeradoras de emprego e riqueza no propio territorio

G24.gal 13/06/2023 14:55

As EFA, Escolas Familiares Agrarias, chegaron hai 50 anos, cando Galicia vivía un éxodo rural masivo. Fundáronse co propósito de asentar poboación e ofrecer oportunidades de formación aos rapaces e rapazas de aldea. A súa metodoloxía, importada de Francia, é similar ao que hoxe se coñece como formación dual, e é eminentemente práctica.

Os 170 estudantes de cinco ciclos de FP da escola de Arzúa son a remuda dos máis de 17.000 que pasaron polas EFAS de Galicia no último medio século. Teñen módulos de educación infantil, repostería, márketing...

Hai en total tres escolas como esta: en Arzúa, en Coristanco e nas Neves, e para a semana están de aniversario. Preparan a festa con agarimo os profesores e antigos alumnos, lembrando a filosofía que xurdiu en Francia nos anos 30 e que pretendía que nas zonas rurais máis afastadas a xente tivese oportunidades de formación.

"Vivía a 16 quilómetros daquí, nunha aldea do concello do Pino. Vin factible vir estudar aquí, porque podería residir no internado e, a maiores, porque me gustaba o que ofertaban", conta María Meijide, antiga alumna da EFA O Piñeiral de Arzúa. 

María ten hoxe a súa propia empresa e decidiu ser unha das asociadas, para ofrecer prácticas aos que coma ela, son alumnos destas escolas. 

A metodoloxía das EFA, a alternancia, que permite prácticas continuas, é o que chamou a atención de Jacobo, licenciado en historia que a través da EFA conseguiu unha oportunidade laboral nunha das principais industrias da comarca: "Que axudase á inserción laboral, a coñecer o mundo da empresa, como é o caso do ciclo de márketing que se ofrece aquí, foi o que máis me chamou a atención", explica.

"Un fin social para o rural. O balance é moi positivo porque non só se forman eles senón que o resulltado desas aprendizaxes revirte en todo o territorio", declarou Raquel Carregal, directora da EFA O Piñeiral. 

Durante anos foron para moitos a única posibilidade de formación. 50 anos despois, a súa oferta formativa homologada e gratuíta e a súa metodoloxía práctica perviven como complemento dos institutos públicos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade