As familias das vítimas están satisfeitas coa misión submarina do Villa de Pitanxo
As familias das vítimas están satisfeitas coa misión submarina do Villa de Pitanxo
A misión de inspección do Villa de Pitanxo dá por acadados todos os obxectivos
Os traballos foron rápidos pero os peritos coincidiron en que a gravación era suficiente
Os familiares insisten en que a mágoa foi non baixar antes ao barco
O buque Ártabro localizou a estrutura metálica do Villa de Pitanxo onde afundiu en febreiro de 2022, un achado gravado en imaxes durante 3 días que se converte agora nunha proba xudicial máis. As familias están sorprendidas pola rapidez dos traballos e pensan que vai ser positivo para o avance da investigación.
"Temos constancia de que había moita nitidez e de que non foi complicado localizalo, agardamos que sexa positivo para a investigación. As familias só pedimos que se faga xustiza", explica María José de Pazo, voceira das familias.
Este luns falamos coa empresa viguesa ACSM, propietaria do buque Ártabro, concretamente co seu director José Cubeiro. Confirmounos que o bo tempo incidiu positivamente na visibilidade a esas profundidades facilitando a operatividade do robot, ao igual que o fixo a ausencia de fortes correntes. Eles concluíron o seu traballo gravando o barco, as redes e os cables, material que agora quedará en mans da xustiza.
As familias seguen pensando que esta operación chega tarde, tendo en conta a gravidade do accidente e os medios dispoñibles en Europa.
"Xa se debeu baixar antes, porque cun accidente aéreo buscan ata o último parafuso, e aquí a localización era viable e había medios suficientes en Europa. Cun accidente destas características non se pode deixar de investigar e hai que achegar probas ao proceso", comentounos María José de Pazo, voceira das familias.
Os cinco peritos que ían a bordo deron a súa conformidade en finalizar a misión ao considerar que se acadaron todos os obxectivos e que hai material suficiente para poder determinar as causas e circunstancias en que afundiu o pesqueiro do Grupo Nores, que deixou 21 falecidos nunha das maiores traxedias marítimas dos últimos tempos.