As familias do Villa de Pitanxo mobilízanse a próxima semana en Madrid para esixir que se baixe ao barco
As familias do Villa de Pitanxo mobilízanse a próxima semana en Madrid para esixir que se baixe ao barco
As familias do Villa de Pitanxo mobilízanse a próxima semana en Madrid para esixir que se baixe ao barco
O mércores realizarán unha concentración ante o Congreso dos deputados
Amosan a súa indignación ante a falta de información sobre o envío do oceanográfico Vizconde de Eza á zona
O Goberno pide non "politizar" o naufraxio e respectar a dobre investigación
Xa pasaron tres meses dende a traxedia do Villa de Pitanxo e as familias seguen reclamando que se baixe ao barco. A súa indignación foi en aumento ao coñecer que un buque oceanográfico vai partir esta fin de semana cara á zona pero non vai levar aparellos de rastrexo.
Impotencia e indignación entre os familiares das vítimas do afundimento do Villa de Pitanxo. Souberon pola prensa de que o Goberno envía o domingo un barco oceanográfico a Terranova, a investigar na zona próxima ao naufraxio. Dóelles especialmente que as autoridades moveran o barco onte á noite para evitar que se achegase a el.
As familias non entenden por que o goberno non permite que o oceanográfico Vizconde de Eza leve un dos robots que poderían poñer luz na investigación e xa anunciaron que o vindeiro mércores se concentrarán en Madrid nas portas do Congreso dos deputados para esixir ao Goberno unha resposta ás súas demandas.
O executivo pide que non se politice o naufraxio do Villa de Pitanxo. O delegado do Goberno en Galicia, Xosé Miñones, reclama que se respecte a dobre investigación do afundimento o 15 de febreiro no Canadá.
Tras coñecer a decepción das familias dos 21 falecidos porque non se atende a súa demanda de que se baixe ao barco, Miñones comenta que o Vizconde de Eza, ao que aluden, non está "adaptado para un dispositivo deste calibre", para "soportar" un robot das dimensións que se precisan para ese traballo.
Respecto a este buque, asegura que, sabendo que non está preparado, non se podería poñer "en perigo o que é a súa propia tripulación". "Creo que ninguén quere iso", asegura o delegado.
Esixiu que se deixe avanzar na investigación sobre o sucedido, xa que tanto as familias coma o Goberno queren dilucidar as causas do afundimento.
A Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos tomoulles declaración ás familias e ao barco que auxiliou o Villa de Pitanxo, algo que Xosé Miñones di que non é o habitual; e a xustiza dará un novo paso o 6 de xuño coa declaración na Audiencia Nacional dos tres sobreviventes e a armadora.