Publicador de contidos
Publicador de contidos

María José de Pazo: "Tres meses despois da traxedia vemos que non hai avances"

María José de Pazo: "Tres meses despois da traxedia vemos que non hai avances"

As familias dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo seguen loitando por coñecer as causas do afundimento

Reclaman que se baixe ao barco durante o verán, unha estación na que acompañan a meteoroloxía e as correntes

G24.gal 15/05/2022 11:47 Última actualización 15/05/2022 13:28

Tres meses despois do naufraxio do Villa de Pintaxo, as familias dos mariñeiros falecidos seguen loitando por coñecer as causas do afundimento. Reclaman que se baixe ao barco, aproveitando o verán, para facer unha reportaxe fotográfica do estado da nave e recoller probas.

O mércores buscarán en Madrid o apoio dos grupos parlamentarios e volverán reclamar que os reciba a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o presidente do Goberno. 

Nunha entrevista no espazo Bos Días da TVG, María José de Pazo, voceira das familias afectadas e filla dun dos falecidos, asegura que hoxe é un día "moi difícil" porque, tres meses despois da traxedia, "vemos que non hai avances".

"Non se pode deixar impune, sen esclarecer as causas desta gran desgraza e vemos que non hai vontade de esclarecer o que pasou", lamenta.

Consideran que o Goberno central segue pechado, "sen amosar ningún dato que motive o arquivo da demanda das familias". Insisten en manter unha xuntanza para saber "se a petición se traslada de xeito transparente".

"É unha dor, eu dicíao, coma se tes unha ferida e estanche botando sal todo o día, porque sentimos que minusvaloran, desprezan e humillan esas 21 familias e a toda a xente do mar que está con nós", asegura.

Teñen o convencemento de que a baixada ao barco é posible, trasladando un robot nun dos buques do Instituto Oceanográfico Español que van a esas augas cada ano polo verán, unha estación na que acompañan a meteoroloxía e as correntes.

Tamén lle piden a Alfonso Rueda que reciba as familias e que esta "desgraza sexa tamén unha prioridade para o novo presidente da Xunta".

O naufraxio, en augas de Terra Nova (no Canadá), deixou 21 mortos e tres superviventes. Doce corpos seguen no fondo do mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade