Publicador de contidos
Publicador de contidos

Familias monomarentais ven insuficiente o anteproxecto da Lei de familias

Familias monomarentais ven insuficiente o anteproxecto da Lei de familias

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia considera que a norma supón un avance, pero di que non recolle as necesidades específicas das familias cun só proxenitor

 

G24.gal 14/12/2022 08:47

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia, FAGAMOS, considera insuficiente a proteción que establece o anteproxecto da Lei de Familias que presentou onte o Goberno central.

A norma recoñécelle o título de familia numerosa ás nais ou pais con dous fillos que críen en solitario. A presidenta de FAGAMOS, Inmaculada Alonso, explica que ese cambio só afecta o 30 por cento das familias monoparentais e pide axudas específicas para todos os núcleos familiares cun só proxenitor: "Hai que lembrar que o último dato do informe de pobreza e exclusión social situaba ás familias monoparentais nunha porcentaxe dun 54 % en situación de vulnerabilidade".

Nunha entrevista no Galicia por diante, Alonso aplaudiu os novos permisos para conciliación que recolle o anteproxecto, pero reclamou que as familias cun só pai ou nai teñan permisos maiores: "Cando unha nai acaba de ter o seu cativo só pode ter gozar dos permisos como traballadora, ese neno non ten dereito ás mesmas semanas de coidados ó non haber outro proxenitor".

A presidenta de FAGAMOS apuntou á necesidade de crear un carné similar ao que teñen as familias numerosas que lles dea facilidades á hora de acceder a determinadas axudas. Tamén reclamou con urxencia a posta en marcha dun rexistro de familias monoparentais, recollido na Lei de impulso demográfico de Galicia, para coñecer o número exacto destas familias e as súas necesidades: "Para poder facer un plan de apoio é necesario saber cantas somos, de que tipo... para saber que axudas necesitamos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade