Publicador de contidos
Publicador de contidos

As farmacias galegas cambian os seus horarios desde este luns

As farmacias galegas cambian os seus horarios desde este luns

A norma establece un horario mínimo para todos os despachos de 38 horas e media semanais

Terán que escoller entre un servizo mínimo obrigatorio ou abrir 13 horas e media cada día

No verán poden demorar media hora o peche e a apertura 

Unha farnacia en Galicia/ Arquivo Unha farnacia en Galicia/ Arquivo
G24.gal 09/04/2023 17:22

As farmacias de Galicia cambiarán desde este luns os seus horarios de atención ao público. Farano seguindo o establecido no decreto publicado o 20 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, que regula os horarios, quendas de urxencia e vacacións nas oficinas de farmacia, así como os profesionais necesarios.

A distribución da xornada nas farmacias galegas será agora de 09:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas de luns a venres, e de 10:00 a 13:30 horas os sábados.

Aínda que este non vai ser o único cambio ao que teñan que adaptarse, pois o horario de tarde sufrirá unha nova modificación durante a tempada de verán, desde o 16 de xuño ao 15 de setembro, atrasando media hora a apertura e o peche, e abrindo así as súas portas entre as 17:00 e as 20:00 horas.

A norma, que regula os horarios, gardas e vacacións das farmacias, modificou os tempos de atención ao público e estableceu un novo horario mínimo de 38 horas e media semanais e outro voluntario ampliado dun máximo de 13 horas e media diarias.

Horario voluntario ampliado

As oficinas de farmacia poderán permanecer abertas ao público fóra dos horarios ou xornadas sinalados como mínimos no artigo anterior. A persoa titular ou os cotitulares da oficina de farmacia poderán ampliar o horario mínimo obrigatorio flexibilizando o número de horas.

Isto poderase facer de dúas formas diferentes: ata un máximo de 13,5 horas diarias, a realizar entre as 8:30 e as 22:30 horas, ou durante 24 horas continuadas todos os días do ano.

Iso si, as que opten por abrir entre as 08:30 e 22:30 horas terán que cumprir o mesmo horario de luns a venres, e o sábado poderán ampliar ata un máximo de catro horas e media o horario mínimo, pero entre as 09:00 e as 14:00 horas.

Ademais, os domingos e festivos poderán estar abertos ao público a condición de que o fagan no mesmo horario que o establecido o sábado

As gardas nas farmacias

Considérase quenda de garda diúrna aquela que se realice dun modo continuado e ininterrompido durante toda a xornada diúrna, que dá comezo ás 9:30 horas e finaliza ás 22:00 horas. A quenda de garda nocturna é a que vai desde as 22:00 horas ata as 9:30 horas do día seguinte.

O servizo de garda realizarase con polo menos un farmacéutico. Só por circunstancias excepcionais debidamente acreditadas de illamento da oficina de farmacia ou penosidade, o colexio oficial de farmacéuticos poderá autorizar a realización de quendas de garda localizada. O farmacéutico, con todo, deberá neste caso estar dispoñible para acudir de xeito inmediato se é requirido por un usuario aínda que a farmacia estea pechada.

O decreto recolle que, no caso das zonas farmacéuticas urbanas, as quendas axustaranse segundo os seguintes criterios:

As zonas farmacéuticas de entre 30.001 e 70.000 habitantes contarán, polo menos, cunha oficina con servizo de garda diúrna, unha con servizo de garda nocturna e unha con servizo de garda en domingos e festivos. 

As zonas farmacéuticas de entre 70.001 e 150.000 habitantes contarán, polo menos, con tres oficinas con servizo de garda diúrna, unha con servizo de garda nocturna e unha con servizo de garda en domingos e festivos.

As zonas farmacéuticas de máis de 150.000 habitantes contarán polo menos con cinco oficinas con servizo de garda diúrna, dúas con servizo de garda nocturna e dúas con servizo de garda en domingos e festivos.

Farmacias en zonas rurais ou semiurbanas

Nas zonas semiurbanas ou rurais polo menos unha oficina de farmacia das establecidas onde se localice o punto de atención continuada prestará o servizo de garda.

Ademais, poderase autorizar o establecemento de quendas entre oficinas de farmacia de distintas zonas farmacéuticas en base ao concepto de área de referencia do PAC', dentro da  que deberá estar sempre asegurado o acceso á prestación do servizo durante as 24 horas do día.

As farmacias incluídas nas quendas de garda de cada área de referencia deben estar situadas a menos de 15 quilómetros ou 15 minutos do PAC, tomando como referencia válida a cifra menor de ambas.

Nas zonas carentes de PAC poderán quedar exentas da realización do servizo de garda nocturno ou poderán rotar nas quendas de garda con oficinas de farmacia doutras zonas farmacéuticas da área de referencia do PAC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade