As gárgolas volven ao Entroido de Celanova
As gárgolas volven ao Entroido de Celanova
Non teñen a tradición dos felos ou das pantallas, pero tamén son un orgullo para os veciños
Creáronas hai 20 anos para homenaxear as máscaras do claustro barroco do mosteiro e este ano volveron organizar talleres para elaboralas
Vinte e un anos hai da primeira vez en que os veciños de Celanova homenaxearon cun desfile as gárgolas do mosteiro de San Salvador, e aquí están de novo, traballando nun taller de máscaras no claustro para non perderen a referencia da súa fonte de inspiración: as propias gárgolas e os mascaróns que decoran a bóveda.
"Estamos intentando facer un deseño máis atractivo e que imite a pedra, que pareza que as gárgolas saíron do mosteiro á rúa", di Katharina Ojea, monitora do taller de gárgolas.
Papel de xornais, arame, cola e cartón son as materias primas para a elaboración das máscaras, que posteriormente pintarán. Fano para poñer en valor dúas das cousas das que se senten máis orgullosos en Celanova, por un lado a tradición do Entroido e por outro o impoñente mosteiro de San Salvador.
Algúns dos participantes xa interviñeron naquela primeira edición das gárgolas: "Aquel ano participei no desfile pero non na construción. Este ano apetecíame ver como se facía de principio a final e ter a miña propia". "Nós non temos unha máscara como poden ter os de Xinzo ou Verín, e quixemos facer algo que nos identificase aos de Celanova", comentan dúas alumnas.
Unha tradición recente pero de inspiración antiga, nada menos que un claustro construído entre os séculos XVI e XVIII.