Publicador de contidos
Publicador de contidos

As empresas de distribución anticipan aumentos de prezos pola crise do mar Vermello

As empresas de distribución anticipan aumentos de prezos pola crise do mar Vermello

O responsable de Transportes da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC), Javier Jaso, advirte dos problemas de subministración de materias primas e produto final desde Asia

Sinala que o sector do téxtil e os mobles, con alta presenza en Galicia, son dos máis afectados polas dificultades na chegada de determinadas materias

G24.gal 16/01/2024 10:34

O responsable de Transportes da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC), Javier Jaso, di que "todas as empresas que forman parte do noso ecosistema están preocupadas por este aumento de custos que están sufrindo os fretes marítimos" como consecuencia da crise do mar Vermello polos ataques dos rebeldes hutís do Iemen contra os mercantes que chegan a Europa desde Asia.

Este grupo, que controla o norte do Iemen, iniciou a mediados de novembro estes ataques contra embarcacións de colectores en protesta polos bombardeos de Israel na franxa de Gaza.

Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, Javier Jaso admite que "é certo que as empresas están empezando a encontrar dificultades para a subministración de determinadas materias primas e mesmo de produto acabado, e o sector do téxtil e os dos mobles poderían ser os dous sectores máis afectados por esas dificultades para a subministración de determinadas materias".

A ruta do mar Vermello acolle preto dun 15 % do comercio marítimo mundial, un 30 % do volume mundial de portacontedores, polo tanto, "o grao de dependencia é aínda moi alto", segundo o responsable de AECOC.

Javier Jaso di que esta situación non só encarece os fretes, senón que tamén está disparando os prezos dos seguros. Explica que "as navieiras adaptan as súas rutas e, neste caso, aumentan os tempos de tránsito. As condicións do transporte tamén varían, dependendo do risco que deban afrontar esas navieiras e, evidentemente, hai un efecto en cadea. Polo tanto, debemos estar moi atentos para ver como evoluciona a situación".

Sobre se esta situación pode trasladarse ao prezo que pagan os consumidores polos produtos máis afectados, o responsable de Transportes de AECOC aventura que "as empresas van intentar non repercutir directamente no prezo final do produto ese incremento nos prezos do transporte. Será sempre e cando a situación mellore nas próximas semanas. Non obstante, se se mantén a situación é posible que poidamos ver un certo incremento nos produtos que consumimos habitualmente en grandes superficies. Unha circunstancia que o sector do gran consumo desexa evitar para non alimentar o actual contexto inflacionista".

Desde a Asociación de Fabricantes e Distribuidores esperan que "dentro dunhas semanas ou dun par de meses, poidamos asistir a un novo escenario que transmita moita máis tranquilidade e certeza. É difícil aventurarse a dar un prognóstico nese sentido".

Minuto a minuto

11:57

proba

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade