As incidencias nos trens Avril supoñen que en Galicia só tres de cada 10 convois cheguen en hora ao seu destino
As incidencias nos trens Avril supoñen que en Galicia só tres de cada 10 convois cheguen en hora ao seu destino
As incidencias nos trens Avril supoñen que en Galicia só tres de cada 10 convois cheguen en hora ao seu destino
Desde a entrada en servizo dos novos trens de Talgo as continuas avarías tombaron a puntualidade no conxunto de España e demoraron seis de cada 10 viaxes
Ante as queixas dos usuarios, Renfe prepara un protocolo para evitar motíns ante as deficiencias nos sistemas de aire acondicionado e climatización nalgunhas unidades
As avarías continuas nos trens Avril de Talgo que Renfe empezou a operar o pasado 21 de maio, desde cando se rexistraron 479 incidencias, esborrallaron a puntualidade nos traxectos que cobren, de maneira que só catro de cada dez trens chegan en hora ao seu destino.
Fronte a unha puntualidade media nos servizos comerciais de Renfe (AVE, Avlo, Alvia e Intercity) do 76,2 % ao 31 de xullo, a dos novos convois S106 (os coñecidos como Avril) foi do 40,7 %.
Desde a súa posta en servizo ata o pasado 5 de agosto, os S106, que cobren tamén o traxecto entre Madrid e Galicia, realizaron 1.768 servizos, e nun 27 % deles, máis dun de cada catro, rexistrouse algunha incidencia.
Das 479 incidencias, 352 produciron atrasos de entre 10 e 30 minutos na chegada ou saída dos trens; 99 provocaron demoras de entre 30 minutos e 60 minutos, e 28 chegaron máis dunha hora tarde.
En 14 servizos foi necesario transbordar os viaxeiros. O último contratempo rexistrouse a semana pasada, cando case 500 persoas quedaron atrapadas nun túnel durante máis de dúas horas, sen luz nin auga suficiente, preto da estación madrileña de Chamartín.
A inhabilitación desa vía de entrada en Madrid mentres se resolvía a incidencia tivo efectos nun total de 34 servizos e case 12.000 pasaxeiros. Renfe deberá indemnizar a todos os viaxeiros afectados con 390.000 euros. O ano pasado pagou 42 millóns de euros neste tipo de compensacións. Fontes da compañía de capital público explican que os motivos principais destas incidencias son avarías ou disfuncións do material motor, seguido por problemas na tracción e nas portas de acceso.
Peor os trens cara ao norte
As cifras de chegada en hora (considérase así ata un atraso de 3 minutos) son aínda máis baixas que a media xeral dos Avril no corredor do norte (Madrid-Asturias e Madrid-Galicia), onde se sitúa por baixo do 30 %, é dicir, só 3 trens alcanzan o seu destino á hora establecida.
O corredor nordeste, que enlaza Madrid con Aragón e Cataluña, mellora algo, ata o 46 %, e no de Levante (Madrid-Valencia-Alacante-Murcia) a taxa chega ao 60 %. Aínda que os novos trens apenas representan o 9 % do total do parque en circulación Renfe en media e longa distancia, o seu escaso índice de puntualidade tirou á baixa do conxunto da compañía, que hai un ano situábase 1,4 puntos por encima (77,6 %).
O 21 maio puxéronse en marcha 22 servizos con trens Avril, que foron aumentando ata os 32 servizos actuais (16 por sentido) en trens AVE e Avlo (a marca de baixo custo do grupo) en todo o territorio nacional peninsular.
Renfe conta actualmente con 335 servizos de Alta Velocidade e Longa Distancia, polo que os Avril supoñen o 9,5 % do total. A operadora ferroviaria española ten establecido ese criterio de puntualidade de tres minutos, pero se aplicase o estándar da Unión Europea (cinco minutos) elevaría o seu índice de puntualidade ata o 87 %.
En Alemaña, Francia ou Italia este baremo está fixado entre 5 e 10 minutos. O último informe publicado pola Comisión Europea en setembro de 2023 con cifras de 2020 (Rail Market Monitoring) reflicte que España foi o sexto país con mellor puntualidade (91 %) nos servizos de longa distancia e alta velocidade, superado por Lituania, Letonia, Países Baixos, Bélxica e Dinamarca, todos eles cunha rede moito máis pequena.
Se se mide con aqueles países con rede comparable, as cifras de España saen mellor: Francia rexistrou un 83 % de puntualidade media; Alemaña, un 70 %, e Italia, un 66 %. En Proximidades os números de Renfe son mellores, cun 91,5 % de puntualidade.
As obras de Chamartín
A última incidencia non tivo relación coas obras que se están a realizar na estación de Chamartín, que si provocaron atrasos, especialmente nos últimos meses, tanto nas liñas de proximidade como nas de media e longa distancia.
A obra da estación madrileña arrincou en 2008, cun estudo informativo aprobado polo entón Ministerio de Fomento, que contemplaba a construción dun túnel de ancho estándar entre ese punto e Atocha para configurar unha grande estación ferroviaria con esas dúas terminais.
En 2020 aprobouse a construción en Chamartín dun máximo de 18 vías de alta velocidade e 13 de proximidade. Ata o momento a obra mobilizou máis de 500 millóns de euros, financiados por fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), e está previsto que finalicen en xuño de 2026.
A macroobra, que se está facendo co tráfico ferroviario activo, permitirá pasar de 36 millóns de viaxeiros en 2023 ata 55 millóns en 2030.