As inmobiliarias dubidan da eficacia de limitar o prezo do alugueiro en zonas tensionadas
As inmobiliarias dubidan da eficacia de limitar o prezo do alugueiro en zonas tensionadas
O presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN) avoga por rebaixar os prezos con máis oferta de vivendas protexidas e incentivando a entrada no mercado das baleiras
Carlos Debasa considera razoable que A Coruña e Santiago pidan ser concellos tensionados, pero cre que a medida non se aplicará en Galicia pola oposición da Xunta
O presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN), Carlos Debasa, considera que limitar o prezo dos alugueiros en zonas tensionadas "non vai ser unha medida acertada", e di que "temos moitas dúbidas de que sexa unha medida que poida achegar solucións e [esas dúbidas] veñen fundamentadas porque noutros países houbo medidas similares e, lonxe de ter este efecto, tiveron o efecto contrario". Así se expresou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.
O índice para limitar o alugueiro en zonas tensionadas publicado esta pasado martes na web do Ministerio de Vivenda establece o rango de prezos de cada vivenda tendo en conta o seu tamaño, o estado de conservación, se ten ascensor ou garaxe, o ano de construción, ou as zonas comúns das que dispón. Aplicarase a grandes propietarios: os que teñen máis de 10 vivendas ou 5 na mesma zona tensionada.
No caso das vivendas de particulares, este mecanismo só se aplicará nas vivendas que poñan en alugueiro por primeira vez ou que leven máis de cinco anos sen ser alugadas. Entrará en vigor dentro de dez días.
Carlos Debasa di que a súa asociación "coincide co diagnóstico do problema, no sentido de que hai un problema importantísimo a nivel de alugueiro e no acceso a unha vivenda, sobre todo, en réxime de alugueiro".
Non obstante, sinala que "cremos que hai outras vías a nivel de accións directas por parte das administracións para facilitar o acceso a unha vivenda ou aumentar a oferta dispoñible. Isto é o que de verdade cremos que é a clave. Se aumentamos a oferta dispoñible e conseguimos que aumenten as unidades dispoñibles no alugueiro de longa duración, conseguiremos rebaixar o prezo do alugueiro. Esa cremos que é a vía e non a limitación de prezos".
Nese senso, explica que "as vivendas de uso turístico non son as únicas causantes do problema, pero si é verdade que son as últimas que apareceron e a pinga que rebordou o vaso dun mercado que xa estaba absolutamente tensionado. Os outros factores que provocan a tensión que temos actualmente son que non haxa vivenda protexida e que en Galicia haxa un récord estatal de vivenda baleira sen ningún uso".
Desde a Asociación Galega de Inmobiliarias pensan que a limitación dos prezos dos alugueiros non se vai aplicar en Galicia pola oposición da Xunta a unha medida á que pretenden adherirse cidades como A Coruña e Santiago.
Carlos Debasa corrobora que "o mercado está complicado e é realmente razoable e entendible que estas dúas cidades [A Coruña e Santiago] sexan as primeiras que levantasen a man pedindo ser declaradas zonas tensionadas. Pero o xogo da política fai que en Galicia non se van declarar zonas tensionadas, ata o que nós coñecemos, e non vai haber esta liña de regulación porque a Xunta non está polo labor e non ten a mesma visión da resolución do conflito que o Goberno central".
Sobre as ocupacións de vivenda, Carlos Debasa considera que "non é un problema real". Corrobora que "o medo existe, pero se analizamos este temor tendo en conta a realidade de que exista un nivel preocupante de ocupacións, isto non pasa en Galicia. Isto nin pasou, nin pasa e non parece razoable pensar que isto poida ocorrer. Podemos estar falando de media ducia de casos que coñecemos desde as inmobiliarias".