As inmobiliarias galegas perciben unha leve baixada nas vendas
As inmobiliarias galegas perciben unha leve baixada nas vendas
O mercado da vivenda enfróntase a un reaxuste moderado nos prezos e para o ano prevense baixadas do 2 ao 5%
A Asociación Galega de Inmobiliarias sinala que se vende algo menos, pero non estamos ante unha crise como a de 2008
Algúns falan de treboada perfecta e outros de borrasca moderada no mercado inmobiliario. O encarecemento das hipotecas, unha inflación que limita a capacidade adquisitiva dos particulares e uns sobreprezos cada vez máis inasumibles: todo iso fai presaxiar un cambio de ciclo no sector. En primeiro lugar está o problema do financiamento.
"Calquera comprador vai ter unhas dificultades algo maiores hoxe que hai uns meses para acceder ao financiamento cunhas condicións un pouco peores, aínda sen ser ningún dato alarmante", matiza Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias.
Desde o sector recoñecen que encadearon trimestres con aumento nas vendas un tras outro e agora xa perciben unha leve baixada na demanda, pero aínda así consideran que o escenario segue a ser bastante bo.
"Non son datos que poidan facer referencia a outros escenarios do pasado, onde realmente si que houbo unhas crises importantes e houbo problemas. Vaise continuar vendendo, é verdade que non á velocidade á que se viña vendendo ata o de agora, pero si que os datos van seguir sendo bos", indica Debasa.
Varios estudos prefiguran que o prezo da vivenda se contraerá en España entre un 2 e un 5% o ano vindeiro. Nada espectacular, pero hai que ter en conta que vimos de aumentos anuais constantes. Pola contra, no mercado do alugueiro non haberá baixada de prezos, pero si contención no incremento.