A previsión de mal tempo adianta algunhas cabalgatas e outras sofren cambios
A previsión de mal tempo adianta algunhas cabalgatas e outras sofren cambios
Localidades como Santiago de Compostela, Ribadavia ou Bueu mudaron a cabalgata para este sábado
A Coruña e Pontevedra manteñen a visita dos Reis Magos no domingo 5 malias as malas condicións meteorolóxicas previstas
Vigo e Marín, entre outras, apostaron por unha recepción baixo teito
A previsión de choiva en Galicia para este domingo, data tradicional das cabalgatas dos Reis Magos, obrigou a que varios municipios muden os seus plans iniciais para adaptarse ás circunstancias. As decisións son moi dispares, como adiantala ao sábado, variar o percorrido ou realizar só a recepción das súas maxestades de Oriente.
En localidades como Tui, organizada en colaboración con Valença, ou Valga cancélase a cabalgata pero manterase a recepción. En Miño, Monforte ou Sanxenxo, entre outras, as crianzas terán unha recepción coas súas maxestades de Oriente, mais alertan á cidadanía de que revisen as redes sociais durante o día en caso de anunciar cambios de última hora.
Santiago de Compostela
Na capital galega Melchor, Gaspar e Baltasar farán o seu percorrido este sábado, segundo indica o Concello, debido ás "condicións meteorolóxicas" previstas para o domingo.
Deste xeito, adiantarán a súa chegada á cidade e o sábado realizarán o percorrido que tiñan previsto de forma que ás 17:30 horas chegarán á praza Nosa Señora da Mercé de Conxo e percorrerán a cidade ata chegar á praza do Obradoiro. Os Reis recibirán aos pequenos no Pazo de Raxoi e haberá un concerto de María Fumaça acompañado dunha chocolatada.
Esta decisión replicarase noutras vilas galegas, como Rianxo, Bueu, A Cañiza, Verín ou Ribadavia. Anunciárono así nas redes sociais dos respectivos concellos, mudando a cabalgata do domingo para o sábado.
Vigo
Pola súa parte, as súas maxestades de Oriente non percorrerán as rúas de Vigo. Segundo anunciou este venres nas redes sociais o alcalde da cidade, Abel Caballero, os Reis Magos estarán no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) o día 5, de mañá e de tarde. Foi a solución que atoparon desde o Concello para celebrar a festividade no seu día propia mais sen sufrir a choiva que se espera para a véspera do 6 de xaneiro.
"Estarán no Ifevi desde as once da mañá ata as dúas da tarde; retomarémola ás cinco da tarde e estará ata as oito da tarde", dixo Caballero, quen anunciou que fará entrega das chaves da cidade ás súas maxestades ás sete da tarde para que os Reis poidan entrar nas casas dos vigueses.
Vigo tiña previsto celebrar dúas cabalgatas, unha estática, na que os Reis Magos reciben os nenos, e unha dinámica, a tradicional, nas que son as súas maxestades as que saen ao encontro dos nenos polas rúas da cidade. Con todo, o mal tempo non deslucirá a celebración e no Ifevi estarán as mesmas dez carrozas e todas as atraccións que estaban previstas no deseño orixinal.
Concellos como Marín ou Moaña optaron pola mesma solución de metela baixo teito, mentres que localidades como Oia ou Nigrán decidiron trasladar a cabalgata ao día 4.
Pontevedra
En cambio, Pontevedra mantén os seus plans para celebrar a cabalgata o domingo. Así, seis carrozas e diversos espectáculos de animación, protagonizados por compañías de artes escénicas, acompañarán aos Reis Magos. Esta decisión podería variar no caso de que a Xunta de Galicia decretase algunha alerta que afectase á seguridade das actividades ao aire libre.
A cabalgata sairá ás seis da tarde desde a avenida de Lugo e percorrerá as rúas máis céntricas da cidade, como Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. Entre a cabalgata e a recepción, os Reis Magos repartirán preto de dúas toneladas de caramelos aptos para celíacos.
Nesta cabalgata, ademais das tres carrozas nas que pasearán Melchor, Gaspar e Baltasar, sairán carrozas ambientadas no universo de Disney. Tamén participarán as compañías Rivel Animación, Troula ou Hípica Celta, entre outras, con espectáculos baseados en bonecos de neve, dragóns, camelos, unicornios, árbores de nadal e diversos personaxes animados.
Ademais, a comitiva estará acompañada pola Policía Local, un camión escada dos bombeiros e os integrantes da Banda de Música de Pontevedra, de Gaiteiros dás Rías Baixas e dos grupos folclóricos Pola Vila, Airiños de San Martiño e Os de Algures.
A Coruña
Na Coruña, a cabalgata tamén mantén o seu horario para o domingo. Anunciaron un cambio de percorrido ao seu paso polo barrio de Catro Camiños, por onde discorrerá pola Avenida Fernández Latorre en lugar de pola rúa Ramón e Cajal. Así e todo, os Reis Magos sairán desde Monelos ás seis da tarde, como estaba previsto.
Ferrol e Narón
O Concello de Ferrol mantén polo momento tanto as horas como o percorrido da Cabalgata de Reyes. Con todo, esa previsión está "suxeita a cambios" en función da evolución do tempo nas próximas horas.
Inicialmente, os Reis Magos chegarán, como é costume, en barco á dársena de Curuxeiras, onde serán recibidos por centenares de persoas. Desde aí desprazaranse á praza de Ultramar, no Ensanche, para iniciar, ás 18.00 horas, un desfile polas rúas da cidade que finalizará na praza de Armas.
Ademais, o Concello mantén as cabalgatas pola zona rural da tarde deste venres e de mañá sábado.
En Narón, tamén se mantén o desfile tal como estaba previsto, aínda que a decisión definitiva non se tomará, se o tempo non acompaña, ata as 15.00 horas do mesmo domingo.
Lugo e Ourense
En Lugo e Ourense os Reis Magos desfilarán o domingo chova ou non; optaron por manter a tradición.
Co mal tempo, Televisión de Galicia é a mellor opción
E sempre está a opción de seguir as Cabalgatas das catro provincias no programa especial da Televisión de Galicia. Comezará ás cinco e media da tarde do domingo e durará ata que as súas maxestades se retiren para comezar a exercer a maxia da noite de Reis.