Publicador de contidos
Publicador de contidos

As maiores complicacións no tráfico pola volta das vacacións espéranse para este serán

As maiores complicacións no tráfico pola volta das vacacións espéranse para este serán

A DXT calcula uns cincocentos mil desprazamentos nas vías galegas durante esta operación retorno

Os axentes recomendan circular con precaución e procurar adiantar a viaxe na medida do posible

No que vai de operación especial en Galicia xa se rexistrou un morto por accidente

G24.gal 01/09/2024 15:14

Medio millón de desprazamentos é a cifra prevista pola Dirección Xeral de Tráfico para as estradas galegas durante esta fin de semana por mor da operación de volta das vacacións.  E a maioría destas viaxes espérase para hoxe, especialmente de cara ao serán.

"A previsión é que dende as catro da tarde ata a medianoite os desprazamentos a Galicia aumenten", comenta Bruno Tato Varela, xefe do destacamento de tráfico do Porriño.

Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, este mediodía a circulación na rede viaria galega está a rexistrar un aumento con respecto ás cifras habituais, aínda que está a ser fluída polo momento. As maiores complicacións esperánse nas vindeiras horas, nas entradas das cidades, nas vías de alta capacidade e tamén nos puntos de conexión coa meseta.

Tamén se está a prestar atención a tramos concretos, coma o alto do Fiouco, en Mondoñedo, que estivo pechado onte pola néboa e esta madrugada presentou problemas de circulación polas condicións meteorolóxicas. A Garda Civil de Tráfico intensificará a súa presenza nas estradas para facer fronte a calquera incidencia viaria.

"Contamos en toda a comunidade autónoma con máis de cincocentos axentes, que están despregados ao longo dos tres días, para mirar pola seguridade da xente, auxilio de quen precise a nosa axuda e vixiar os problemas que poidamos ter", asegura o xefe do destacamento do Porriño.

Nesta operación retorno xa se contabilizou un falecido nas estradas galegas, un home de 53 anos que foi atropelado cando transitaba onte á noite pola estrada no concello coruñés de Brión.

Por iso, os axentes de tráfico recomendan aos condutores moita prudencia, respectar as normas de circulación e evitar as horas de maior densidade circulatoria na medida do posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade