Publicador de contidos
Publicador de contidos

As máscaras deixarán de ser obrigatorias en centros sanitarios

As máscaras deixarán de ser obrigatorias en centros sanitarios

O seu uso pasará a ser só recomendable en caso de ter síntomas

Tamén se aconsellará o seu uso nos espazos con pacientes vulnerables

Antón Montero 23/06/2023 19:12 Última actualización 23/06/2023 20:53

Hai tres anos e un mes que a covid nos obrigou a andar con máscara. Conforme se gañaba a loita contra o virus, esta protección deixou de ser imperativa, primeiro na rúa, logo nos lugares pechados, e en febreiro deste ano, no transporte.

Goberno e comunidades autónomas acordaron este venres por unanimidade eliminalas do último reduto onde aínda eran obrigatorias: farmacias, hospitais e residencias. A máscara pasará a ser só recomendable cando haxa síntomas. 

José Miñones, ministro de Sanidade, explicou que se trata de "substituír a norma que ata agora obrigaba ao uso da máscara en determinados espazos para pasar ao uso recomendado e de boas prácticas". 

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, explicou que "é o criterio dos técnicos, neste caso da ponencia de alertas, que nos parecía a todos os conselleiros a maneira máis lóxica de actuar, seguir a recomendación dos técnicos, e iso é o que temos a partir de agora". 

Será tamén aconsellable seguilas levando onde haxa pacientes vulnerables, como quirófanos, unidades de oncoloxía ou de coidados paliativos, así como en urxencias. Os detalles coñecerémolos cando o Consello de Ministros aprobe a retirada nos vindeiros días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade